O Concello de Mondoñedo abriu o prazo, con data límite do 21 de xullo, para que as firmas interesadas soliciten as axudas que o goberno local destinará a fomentar a implantación empresarial no parque industrial do municipio.
BASES
A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras destas axudas, de carácter plurianual. O importe máximo por proxecto será de 25.500 euros. A consignación prevista para o 2018 é de 14.000 euros e o importe restante farase efectivo con cargo ao exercicio orzamentario de 2019.
Poderán solicitar as bonificacións todas aquelas pequenas ou medianas empresas que acrediten a compra dunha parcela no parque empresarial nas condicións estipuladas e que comecen a edificación nas mesmas cun prazo máximo de seis meses desde a data de outorgamento do permiso de obras.
Os solicitantes poderán compatibilizar a axuda con outras subvencións, agás as concedidas polo Concello de Mondoñedo polo mesmo motivo. A concorrencia non é competitiva, é dicir, a concesión establecerase en función da orde de recepción das solicitudes.
HORARIO
Os interesados poderán presentar as súas peticións no rexistro do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. Aquí podes consultar as bases das subvencións. 0_2168_1
A CONCESIÓN DE SEIS PARCELAS, A SUBASTA
Suelo Empresarial del Atlántico vén de publicar unhas bases polas que se rexerá a concesión do dereito de superficie con opción de compra en seis das parcelas da súa propiedade no parque empresarial de Mondoñedo. Pódense presentar ofertas ata o 14 de setembro.
O prazo de vixencia do dereito de superficie é de 30 anos. Pasada a data, reverterán en Suelo Empresarial del Atlántico. Concédeselle ao superficiario un dereito de opción de compra gratuíto sobre a parcela durante os cinco primeiros anos, podendo prorrogarse durante outros cinco e descontarase o 40% das contías satisfeitas en concepto de canon.