A asociación cultural Tá en Artes anunciou este martes que dedicará o ano 2020 ao artista nado en Mondoñedo Quique Guerra, finado en Cervo no 2016.
Namentres, o colectivo continúa cos actos de homenaxe a Suso Peña, ao longo deste 2019, e o vindeiro 5 de novembro (cine teatro de Ribadeo, 18.00 horas) presentará a segunda revista escolar de arte, nun acto que contará coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, dado que a secretaría financia este proxecto e comprometeu tamén axuda económica para o seguinte curso.
Segundo expón Tá en Artes, na revista recóllense os traballos realizados polos colexios e institutos ao longo do curso 2018-2019, e que se expuxeron no mes de xuño do 2019 no Cenima e que contaron coa participación de doce centros educativos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
DOCE CENTROS PARTICIPARON NA PUBLICACIÓN
Editarase un total de 250 exemplares da revista escolar, que se distribuirán entre os centros educativos. A intención do colectivo é que teña carácter anual e que se edite a principio de cada ano escolar, incluíndo non só o traballo do alumnado, senón ademais coa colaboración de distintos creadores que expoñan ideas para traballar na aula.