Os Concellos de Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova e Taramundi impulsan a creación dunha ruta Bicicleta Todoterreo (BTT) de longo percorrido vinculada aos oficios tradicionais. Este proxecto opta ás subvencións convocadas pola Xunta de Galicia para fomentar a recuperación, accesibilidade e sinalización de recursos turísticos no medio rural.
A ruta discorrerá por catro concellos de carácter rural e de marcada natureza montañosa que destacan, ademais, polos seus oficios tradicionais e a súa vinculación coa auga, pola presenza de muíños como eixos de aproveitamento de cereais e para a elaboración de pan, pero sobre todo polo uso da forza hidráulica para as actividades dos ferreiros. Mostra disto son as navallas de Taramundi ou A Pontenova, ou os coitelos, fouciños e outros apeiros característicos de Riotorto.
Outros recursos existentes na zona son as covas -tamén vinculadas á actividade da auga- ou as minas e o patrimonio industrial. Deste xeito póñense en valor os recursos naturais, paisaxísticos e etnográficos.
VARIAS RUTAS
Aproveitando as pistas de terra dos catro concellos implicados, deseñarase unha ruta de longo percorrido –arredor duns 150 quilómetros con itinerario de ida e volta– indicada, principalmente, para bicicletas de montaña; aínda que tamén se prevé o seu aproveitamento para outras actividades deportivas e culturais.
O proxecto recolle tamén o deseño de distintos trazados de diferente duración, dificultade e desniveis acumulados -pero de destacado valor paisaxístico en tódolos casos- para a práctica deportiva do BTT. Contémplanse características adaptadas aos distintos niveis. Un dos trazados recollerá unha ruta cunha dificultade máis baixa e o outro, unha máis profesional. Ademais, poranse a disposición dos visitantes vías alternativas que permitan completar a visita en trazados máis curtos que comuniquen as cabeceiras das catro vilas.
ATRAER TURISMO DEPORTIVO E DE MONTAÑA
Esta iniciativa constitúe, polo tanto, unha base para atraer cara a este territorio visitantes e deportistas vinculados ás actividades de montaña. Este proxecto ofrece unha oferta integral dirixida tamén ás familias dos deportistas ou dos visitantes e usuarios de actividades de culturais que poderán coñecer tamén este entorno e o patrimonio.