InicioEn ProfundidadeManuel Otero, alcalde de Mondoñedo: "Buscamos empresas innovadoras. Cando chegamos no polígono...

Manuel Otero, alcalde de Mondoñedo: “Buscamos empresas innovadoras. Cando chegamos no polígono industrial non había ningunha empresa instalada”

Manuel Otero chegou á alcaldía de Mondoñedo en 2020. Ao seu cargo ten unha cidade cun amplo pasado histórico ademais de cultural. Con todo, a cidade coñecida por ser fogar de Leiras Pulpeiro e Álvaro Cunqueiro e onde se executou a Pardo de Cela, afronta un futuro con incógnitas. O mesmo alcalde apunta ao traballo realizado nestes momentos para a atracción de empresas ao polígono industrial e, sobre todo, a necesidade case que imperiosa de arranxar a N-634, unha vía auxiliar agora mesmo da A-8.

Publicada o

- Advertisement -

-Mondoñedo contén un patrimonio histórico moi importante, non só a catedral e os edificios ao seu redor, senón tamén edificacións nas parroquias do rural. Considera que son necesarias axudas específicas para preservar este patrimonio?

Desde a Xunta de Galicia, en concreto de departamentos como Industria, Patrimonio e Territorio implicados, estamos recibindo axudas para preservar o patrimonio, non só a catedral, senón a Casa Cunqueiro, Museo da Imprenta, o plan Rexurbe e as rehabilitacións que se están facendo no casco histórico, nos Muíños e no barrio de San Lázaro. Ademais diso contamos con concursos literarios e esta fin de semana, 26 e 27 de xuño, teremos charlas-coloquio sobre Álvaro Cunqueiro. Desde logo que se nos está apoiando constantemente.

-Que plans están seguindo para fomentar a industria do turismo para que non se cinga só ao casco histórico da vila?

A oficina de Información e Turismo é a primeira oficina de información para quen se achegue en busca de información sobre Mondoñedo. A oferta que temos é ampla con eventos como Mindo-Música que tamén se celebra esta fin de semana, un certame musical que leva Rebeca Maseda e irá parroquia por parroquia levando a cultura musical a diferentes lugares que selecciona a mesma Rebeca Maseda para achegar a música clásica a diferentes puntos do concello.

-Existe outro edificio con grande presenza no casco histórico, o Seminario. O Concello colabora na preservación desta edificación?

Desde o Concello estamos sempre en contacto co Bispado, porque o Seminario é competencia deles, pois cremos na cooperación mutua en determinados temas. Mais isto tamén o facemos con todas as entidades sexan cales sexan. Buscamos colaboracións recíprocas e así cando precisamos dese espazo para algunha cuestión consultamos co Bispado e viceversa. O Seminario ten múltiples utilidades, mesmo se organizan congresos de verán e existen campos de baloncesto.

Estamos recibindo axudas para preservar o patrimonio, non só a catedral, senón a Casa Cunqueiro, Museo da Imprenta e o plan Rexurbe

-Sobre a cabeza da diócese Mondoñedo-Ferrol, cre que Mondoñedo perdeu forza como sede episcopal fronte a Ferrol?

Agora mesmo non hai bispo, hai un substituto, mais non estou moi de acordo coa afirmación de perda de forza como sede episcopal. O último bispo que tivemos, don Ángel de las Heras, estivo moito máis tempo en Mondoñedo que en Ferrol. Por iso podo dicir que o último bispo estivo moi vinculado coa vila e de feito segue vinculado, pois aínda vén por aquí.

-A Feira das San Lucas é un expoñente do mercado de gando na zona, segundo o que observa nesta feira como cualificaría a situación do sector gandeiro na área mindoniense?

As San Lucas seguen crecendo pois teñen unha tradición moi forte, hai unha aposta por elas e o cabalo segue sendo o expoñente máis elevado da feira. Seguimos aumentando ano a ano, agás con este parón da pandemia. Aínda así, houbo unha trota de cabalos, tamén algúnha caseta do polbo coas medidas sanitarias pertinentes e unhas verbenas baixo as medidas de seguridade pertinentes.

O Seminario ten múltiples utilidades, mesmo se organizan congresos de verán e existen campos de baloncesto

-A creación da A-8 supuxo unha melloría das comunicacións co resto de Galicia ou é necesario aumentar as infraestruturas viarias que atravesen o termo municipal?

A A-8 supuxo un avance moi importante, quizais quedaron por facer algúns enlaces no seu día, mais hai un problema por estas datas que é a néboa e é moi necesario darlle unha solución a este asunto. Isto converte en moi necesario o arranxo da N-634 de maneira profunda desde Mondoñedo ata o enlace no Alto da Xesta. O motivo é o peche da A-8 pola néboa e isto desvía unha importante cantidade de tráfico cara a N-634. Por outra parte, hai flotas de camións que seguen a usar a N-634, despois as estradas autonómicas, como a LU-124 e LU-160, afrontaron melloras moi importantes coa mellora do seu firme. Mais insisto na solución da N-634, que precisa un arranxo moi importante.

-Industrialmente, cal é o reto que se lle presenta por diante a Mondoñedo?

Cando o noso equipo de goberno chegou á alcaldía, no polígono industrial non había ningunha empresa instalada. Agora mesmo hai instaladas tres e estamos esperando a instalación de dúas máis. En Mondoñedo desde o peche da Ecar houbo unha crise o mesmo que nos concellos de arredor, e estamos traballando para que aquí se instalen empresas. Non esperamos grandes firmas, buscamos empresas de entre cinco e dez empregados que traian actividade.

O peche da A-8 pola néboa desvía unha importante cantidade de tráfico cara a N-634 que necesita un arranxo importante

-Pensan nalgún sector concreto?

Nesta zona poderían ser os sectores cárnico e da madeira, aínda que nós non temos preferencias, queremos a instalación de empresas. Non queremos grandes contaminantes porque temos un medioambiente para coidar, mais si buscamos a instalación de empresas innovadoras.

-Sobre o asentamento e fixación de familias tanto no rural e casco urbano, cales son os programas que están seguindo?

Dentro do Plan Rexurbe mercáronse trece vivendas para a súa restauración. Isto será un atractivo importante para asentar familias dentro da vila. Por exemplo, no barrio dos Muíños fixéronse restauracións en dúas vivendas unifamiliares, xa saíron a concurso para a licitación un grupo de vivendas dentro do casco histórico para seren rehabilitadas.

As San Lucas seguen crecendo, hai unha aposta por elas e o cabalo segue sendo o expoñente máis elevado da feira

-Para a xente nova que queira facer a súa vida en Mondoñedo cales son os atractivos que vostede lles presentaría para facelo?

Existe unha grande calidade de vida en canto cohesión veciñal, todos preocupámonos de todos e temos a grande vantaxe de que todo está máis perto. Ademais diso, existen elementos como garderías, pabellóns deportivos e outras infraestruturas que permiten vivir como nunha cidade. A todo isto engado o feito de poder ir andando a moitas destas instalacións, cousa que mostra a comodidade para a veciñanza.

-Considera necesario incrementar servizos de comunicación?

Desde logo que sería importante incrementar servizos de liña, por exemplo, sobre todo pensando en comunicarnos coa costa ou con Lugo. Isto pensando en ir ao Hospital da Costa ou unha maior frecuencia de comunicación coa capital provincial.

-Un atractivo case que á parte son as Covas do Rei Cintolo.

Si, son un elemento baixo competencia municipal e seguimos coas visitas guiadas durante todo ano, agás os meses estipulados por lei para reprodución dos morcegos. A Federación Galega de Espeleoloxía sempre está apoiándonos e tamén temos reciprocidade con outras asociacións. Grazas á Federación podemos dicir que as visitas ás Covas por parte de colexios e escolas son unha parte importante do número de persoas que se achegan a esta área. Tamén cómpre dicir que os profesionais da espeleoloxía seguen explorando a cova e abrindo novas rutas á parte de facer planos 3D.

Existe unha grande calidade de vida en canto cohesión veciñal, todos preocupámonos de todos

-A conservación do medioambiente no termo municipal precisaría de máis investimentos?

Si que nos viría ben un apoio nese campo, pois o Concello ten o persoal que ten. Aínda así, a Xunta de Galicia axudou na limpeza de canles este anos. Grazas a isto, fixemos limpeza en puntos conflitivos nas marxes dos ríos. Tamén se está estudando con Aqualia a instalación dunha EDAR para tratamento de augas residuais.

-E o proxecto que lle gustaría ver rematado antes do fin da lexislatura?

Termos industria. Considero o turismo moi importante, mais creo que a instalación de industrias é importante, mais o que querería ter son industrias dentro do noso termo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...