A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Mondoñedo o campamento de verán Mondopeque, que ten por obxectivo favorecer a conciliación para as familias de 40 nenos e nenas cun apoio da Consellería de Emprego e Igualdade de 15.000 euros na edición deste ano.
López Abella destacou o valor da conciliación na consolidación dunha sociedade galega máis igualitaria e con máis benestar, é por iso que, en relación a esta política, o Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu o pasado 22 de xuño un programa de apoios ás entidades laicais que inclúe catro liñas de financiamento, unha delas con 1,4M€ de investimento, destinadas a apoiar programas de conciliación nos concellos de Galicia, como é o caso da iniciativa Mondopeque.
O Executivo galego demostra deste xeito o seu afán de estender as axudas contra a lacra da violencia de xénero en eidos transversais na sociedade, dende a conciliación ata a prevención, pasando pola concienciación á sociedade sobre os tipos de violencias. Dende o ano 2009 o Goberno autonómico leva apoiando ao concello mindoniense con ata 425.000 euros en apoios a programas de igualdade .