O presidente da Asociación de Porfesores de Automoción de Galicia (Apaga), Álvaro Doural, cualificou de moi emotiva a inauguración do centro de interpretación da figura do empresario José Barro, onte en Mondoñedo.
O obxectivo da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia é darlle vida organizando visitas guiadas e outras actividades. O acto enmarcouse na programa do X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebra estes días en Ribadeo.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, referiuse á inauguración do museo de José Barro como “un acto moi emotivo porque estivo a familia de José Barro”. Doural tamén engadiu que isto “é un inicio. Iremos incorporando novas cousas. A xente está chamando para doalas”.
Segundo o propio Doural a iniciativa está a ter moi boa acollida. “Nós miraremos de programar algunha visita guiada desde a asociación e despois iremos incorporando actividades”. Por outra parte, tamén deixou claro que “pretendemos que non sexa un centro de almacenamento de materiais senón un museo activo”.
Sobre o X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos Doural dixo que “a semana está sendo moi intensa porque hai moitas actividades no Fórum. É un ano moi especial, con moita presión pola pandemia, pero en xeral todo está indo moi ben”.
Un grupo dos asistentes ao Fórum coñeceron onte as Covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo. Hoxe será tempo para visitar a empresa Shiifos, en Ribadeo, que se dedica á micoloxía ecolóxica sostible. Este venres seguirán as charlas durante a mañá e pola tarde terá lugar a presentación do Mercedes Clase S e do Ford Mustang Mach-E.