O burgalés Fernando García Cadiñanos foi ordenado este sábado novo bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol nunha solemne cerimonia na que chamou ao “compromiso comunitario” e ao “encontro persoal coa boa noticia” para superar o “sufrimento da pandemia e dos problemas sociais que trouxo“.
Foi un acto celebrado na Catedral de Mondoñedo con ampla representación non só eclesiástica –acudiron o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o nuncio apostólico en España, Bernardito Cleopas Auza–, senón tamén institucional: o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entre outros.
Na súa alocución, Fernando García Cadiñanos tivo palabras de agradecemento a Deus, ao papa Francisco, á súa familia, ás autoridades presentes no acto e aos representantes eclesiásticos chegados desde Burgos, de onde é orixinal, aos que lles convidou a visitar “a beleza destas terras”.
Neste sentido, fixo súas as palabras do seu antecesor, Luis Ángel de las Heras Berzal, para referirse á de Mondoñedo-Ferrol como “a diocese máis bela do mundo”. “O Señor envíame para unha misión: ser servidor desta Igrexa milenaria e de fondas raíces, que quere ser fiel ao mandado de Xesús de vivir e permanecer no amor desde a humildade e sinxeleza”, proclamou o novo bispo.
“NON É UNHA MISIÓN FÁCIL”
Pola súa banda, o nuncio apostólico en España encargouse de saudar a todos os presentes de parte do papa Francisco e deulle ao novo bispo o seu “máis cordial felicitación e parabén”.
“A súa non é unha misión fácil, pero si fermosa, sublime. O mundo de hoxe necesítaa. Vivimos nunha época, como vostede recoñeceu na súa primeira mensaxe a esta querida diocese, na que é preciso xerar moita esperanza e ilusión”, manifestou Cleopas Auza.
O encargado da homilía foi o arcebispo compostelán, quen deu “grazas ao Señor” por elixir o “irmán Fernando” para dirixir a diocese de Mondoñedo-Ferrol. “Estou seguro de que o seu amor a Cristo será a clave para interpretar aquí o ministerio que hoxe se lle confía coa ordenación episcopal”, agregou.
Monseñor Julián Barrio felicitoulle tanto a el como á súa familia, pero advertiu que “o episcopado non é unha honra”, senón “unha chamada para servir sen cálculos nin condescendencias cun mesmo, dando testemuño do amor de Deus con xestos máis sinxelos”.