Don Pedro Díaz Fernández é actualmente é o responsable do Museo Catedralicio de Mondoñedo desde hai nove anos. Exerce este posto compaxinándoo co seu labor como sacerdote en varias parroquias e deán presidente do corpo de capitulares da catedral.
Díaz Fernández non é o único que compaxinou as súas tarefas sacerdotais coas responsabilidades do museo. “En tempos do bispo José Gea Escolano nomeouse a José María Fernández Fernández, coengo da catedral, como director do Museo, ademais de ser arquiveiro diocesano e catedralicio. Logo nomeáronme a min”. O único director en exclusiva do museo foi o seu creador, Santos San Cristóbal.
Sobre este último, Díaz Fernández fai unha mención especial . “Este espazo naceu grazas á obra de Santos San Cristóbal, o grande creador deste museo. Era un sacerdote que foi xuntando pezas tanto da mesma catedral como as que encontraba pola diócese. El buscoulles un lugar axeitado para a súa exposición dentro da catedral”.
A realización de máis obras para acondicionar o museo e mais o templo están contempladas dentro do Proyecto Catedrales do Goberno central. Aquí tamén participará a Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo. O alcalde, Manuel Otero, explica sobre este punto que “agora mesmo non lembro o orzamento que se destinará, mais iso está aprobado polo Goberno central e Xunta de Galicia e xa hai un borrador coas posibles accións para realizar”. Este tipo de obra, segundo comenta Otero, é do mesmo estilo que se fixo no veciño Concello de Lourenzá co mosteiro de San Salvador.
MUSEO E PEZAS
Actualmente a parte que se pode visitar do Museo está situado no andar baixo do templo catedralicio. Durante o anterior Ano Santo, 2010, fixéronse obras para adecuar o espazo a criterios museísticos. Por outra parte, dentro do primeiro andar do Pazo Episcopal hai oito salas onde se recolleron obras mais aínda non son de acceso público. “Hai un proxecto de conversión en museo do Pazo Episcopal que incorporará melloras de accesibilidade e tamén unha visión máis museística”.
Durante un tempo estiveron abertas as salas góticas onde tamén se mostraban diferentes pezas que logo das obras durante o anterior Xacobeo, foron retiradas. Así puidéronse levar para adiante os traballos de rehabilitación nesta parte da catedral.
Sobre o patrimonio recollido, Díaz Fernández, sinala que “Santos San Cristóbal foi encontranto moito material para a súa exposición ademais de que outros bispos trouxeran pezas que xa non se usaban para o culto”. O bispo Argaya Goicoechea trouxera os alabastros de Nottingham que estaban na igrexa parroquial de Valcarría, en Viveiro. A estes alabrastros súmanse os pertencentes á mesma catedral que son froito da escola artística de Londres. Dentro da sacristía están as pinturas en óleo sobre cobre dos talleres de Rubens de finais do século XVI.
Hai outros elementos que destacan pola súa curiosidade como son as pezas de tea ornamental elaboradas en Cantón. “Estas foron doadas por un navegante que invocou á Virxe dos Remedios cando estaba en grades dificultades e en agradecemento mandou facer as teas que en 1748 estaban en Ferrol”. Sobre outro tipo de pezas que non se expoñen, Díaz Fernández sinala “habería que poñer como unha cámara especial para gardar xoias artísticas que se gardan na diócese.
Sobre os futuros proxectos de restauración e accións sobre este museo, o alcalde mindonienes declara que “de momento temos o noso técnico que co técnico da catedral mirarán se se poden chegar a máis axudas”. Manuel Otero matiza que “en base ao que se vexa, se chegamos a un acordo será o mellor para a catedral e para Mondoñedo”.