A sentenza contra o parque de Sasdónigas “pon en cuestión” o modelo eólico da Xunta

Prohibe a fragmentación dos proxectos, obriga a avaliar os efectos acumulativos con outros parques e esixe alternativas á construción destas instalacións.

Parque eólico de Norvento. NORVENTO

Pau xudicial para o modelo eólico promovido pola Xunta? O presidente da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA), Manuel Pérez Arias, asegurou este xoves que a sentenza do Tribunal Supremo que anula definitivamente os parques eólicos de Sasdónigas 1 e 2, no concello de Mondoñedo, “abre a porta a outras accións administrativas en marcha para tentar mudar o prexudicial modelo eólico da Xunta”, e serve “de advertencia” sobre os “graves efectos” que ten no patrimonio medioambiental, cultural e mesmo turístico galego.

O coordinador da veciñanza afectada por parques eólicos de ACOUGA, Manuel Germade, salientou á “actitude neglixente e a complicidade” das administracións (Xunta, Xacobeo,
Concello de Mondoñedo e confederacións hidrográficas) e a empresa promotora do parque, Norvento, no proxecto e execución das instalacións eólicas anuladas pola xustiza. “A Xunta -remarcou- fixo de comercial de Norvento, á que lle concederon toda caste de beneficios fiscais”.

Germade fixo fincapé no “dano irreparable” provocado polos oito muíños, a subestación eléctrica e as vías de evacuación que compoñen este parque sobre o Camiño Primitivo de Santiago, un xacemento romano e unha turbeira que conta con protección da Unión Europea, ademais de sobre o conxunto paisaxístico da zona.

UN PRECEDENTE IMPORTANTE PARA GALICIA

Doutra banda, o avogado Borja Colmenero, en representación da asesoría xurídica de ACOUGA e responsable da demanda xudicial de parte das persoas afectadas por Sasdónigas, asegurou que a sentenza crea xurisprudencia sobre tres aspectos cruciais no desenvolvemento de futuros parques e dos que están xa en funcionamento e “supón
un precedente importante para o conxunto do país”.

Por unha parte, prohibe a fragmentación dos proxectos, o que deixa en evidencia a “mala praxe da Xunta” ao permitirlles ás empresas, como ocorre neste caso de Sasdónigas, acudir a este procedemento fraudulento. Ademais, “impón a valoración dos efectos sinérxicos e acumulativos de cada parque“. Deste xeito, o estudo medioambiental dos proxectos debe incluír os efectos prexudiciais dos demais parques que existan na zona, xa que pode darse o caso de que se cumpra a normativa individualmente pero no de xeito acumulativo.

Por último, o proxecto debe ofrecer alternativas reais e viables á construción do parque en cuestión, de xeito que se poda elixir entre as distintas opcións formuladas. En canto ao efecto concreto da resolución xudicial sobre Sasdónigas, o letrado anunciou unha complexa execución de sentenza, que pode incluír o desmantelamento completo das instalacións e a restitución no posible dos terreos ao seu estado anterior, manter parte delas con compensacións aos propietarios dos terreos ou posibles indemnizacións polo uso indebido da explotación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here