Mondoñedo analiza o Servizo de Atención Temperá e a capacidade que mostrou para adaptarse á pandemia

Estas xornadas serven para poñer en valor o servizo, dalo a coñecer entre a poboación xeral e intercambiar información e coñecemento entre as familias, servizos sociais, educación, sanidade e os profesionais.


O Concello de Mondoñedo analizou este sábado o Servizo de Atención Temperá con profesionais de recoñecido prestixio: o neuropediatra Ignacio Málaga, presidente de Neurología Pediátrica de España; o profesor da USC Miguel Pérez, doutor do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación; a logopeda Mónica Vilameá, profesora da UDC e o médico especialista en rehabilitación Jaime Ponte, presidente de AGAT e coordinador das unidades de desenvolvemento, valoración infantil e apoio familiar.

Máis de 150 persoas participan nesta segunda edición das Xornadas Servizo de Atención Temperá que teñen un dobre obxectivo. Por unha banda, pretende seguir poñendo en valor o servizo que durante o ano 2021 atendeu a máis de 70 familias dos 10 Concellos que conforman a agrupación do Servizo de Atención Temperá (Mondoñedo, Abadín, A Pastoriza, A Pontenova, Barreiros, Lourenzá, Meira, Pol, Riotorto e Trabada) e dálo a coñecer entre a poboación xeral. E, por outra banda, crear espazos de colaboración, intercambio de información e coñecemento para poñer en común experiencias e inquedanzas entre os distintos factores implicados como son, por suposto, as familias, os servizos sociais, a educación, a sanidade e os profesionais.

O goberno local aproveitou estas xornadas para poñer en valor o servizo, os seus profesionais e a súa capacidade para adaptarse ás necesidades das familias do diseminado territorio rural dos 10 concellos nestes dous anos especialmente difíciles debido á pandemia: “sendo conscientes de que deixar de prestar esta atención suporía unha involución no tratamento dos nenos e nenas; adaptáronse técnicas e cambiáronse medios de atención”, segundo apuntou a concelleira de Servizos Sociais, Ángeles Rodríguez.

TRATAMENTOS TERAPÉUTICOS DESDE 2018

O Servizo de Atención Temperá foi impulsado polo Concello de Mondoñedo no ano 2018 para ofrecer tratamento terapéutico ás familias con fillos de entre 0 e 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou con risco de padecelos para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a súa inclusión social.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here