A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) e afectados polos parques eólicos de Sasdónigas, no municipio lucense de Mondoñedo, presentaron esta mañá dous escritos dirixidos á Xunta e ao concello mindoniense para esixirlles a paralización, no prazo de 15 días, de todos os muíños que operan nas instalacións da empresa Norvento anuladas pola xustiza.
O coordinador de afectados por parques eólicos de ACOUGA e representante dunha parte dos afectados polo de Sasdónigas, Manuel Germade, salienta que “aínda que as sucesivas sentenzas que anulan as licencias de actividade do parque de Norvento son firmes desde hai máis de tres meses, toda vez que a propia empresa desistiu de calquera procedemento, o parque segue funcionando a plena actividade, como se nada pasara”.
Nos escritos, explica Germade, “instamos a que a Xunta e o Concello tomen as medidas necesarias para parar a actividade, porque é a súa obriga paralizar negocios sen licenza de actividade”. “Se non o fan no prazo de 15 días -advertiu- tomaremos medidas legais contra quen corresponda da administración e da empresa, que mesmo poden ter consecuencias penais”.
Os asinantes dos escritos porán tamén os feitos en coñecemento de REDESA (Red Eléctrica de España) para advertirla de que está mercando enerxía ilegal e, polo tanto, debe desconectar o parque da rede pública. Do mesmo xeito, enviarán notificación ao Ministerio para a Transición Ecolóxica “para que estea informado e sexa vixiante do proceso”.
Germade lembra o dano provocado polos oito muíños, a subestación eléctrica e as vías de evacuación do parque sobre o Camiño de Santiago, un xacemento romano e unha turbeira que conta con protección da Unión Europea, ademais de sobre o conxunto paisaxístico da zona.