A Virxe dos Remedios volverá ás rúas de Mondoñedo logo do parón da Covid

O programa das festas dos Remedios conta este ano con cinco orquestras, fogos e sesión vermú.

Procesión de Nosa Señora dos Remedios en Mondoñedo. MONDOÑEDO.NET

O alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, e o deán da catedral de mindoniense, Pedro Díaz, acompañados dos membros da comisión de festas dos Remedios, presentaron esta mañá o cartel da tradicional festividade na honra da Virxe dos Remedios, que ten coma eixo central a ofrenda que presentan as cidades e vilas capitais de partido xudicial da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.

A ofrenda, que se mantivo sen interrupción ao longo dos anos da pandemia, será presentada nesta ocasión polo alcalde do Concello de Mondoñedo, e recuperará, este ano si, a tradicional procesión coa imaxe da patroa, acompañada pola banda de música Pascual Veiga, e coa traca pirotécnica habitual.

A Comisión organizadora está formada por Amparo Pernas, Marisa Ledo, Patricia Otero, Pili Díaz, Vicky Caselas, Iván López e Alberto García. Aproveitaron para agradecer a axuda económica de particulares e negocios locais para poder elaborar o gran programa de festas que conta cun total de 5 orquestras queactuarán no paseo central da Alameda, destacando ao “Grupo Beatriz”, a noite do sábado a partir das 24 horas, xusto a continuación do remate do concerto de “Treixadura” na praza da Catedral. A sesión vermú do domingo estará amenizada pola orquestra “Los Españoles”, con música para todas as idades, e pola noite volverán cun novo pase xunto a “La Favorita”.

O luns dos Remedios, festivo local, será o día da misa de confrades e a ambientación musical neste día correrá a cargo da orquestra “Nueva Fuerza”. O programa complétase coa Agrupación Folclórica “Cantigas e Agarimos” de Santiago de Compostela, prevista para o domingo dos Remedios, o dúo Belinda, e os coros Mindoniense e Mestre Pacheco, a festa de clausura das piscinas municipais, así como unha ruta de sendeirismo. O martes 13 as atraccións infantís farán descontos nas fichas para os máis pequenos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here