Mondoñedo inviste case 60.000 euros para mellorar a accesibilidade á Praza da Catedral

As actuacións proxectadas inclúen o desmontado do pavimento empedrado así como dos escalóns do cantón despois dos necesarios traballos previos de seguimento arqueolóxico.


O Concello de Mondoñedo acomete con fondos propios as obras máis necesarias na Praza da Catedral en relación á mellora da accesibilidade, a instalación de varandas e a retirada dos contedores soterrados.

O Concello dirixe máis de 56.000 euros ao acondicionamento deste espazo para o seu uso público coa finalidade de mellorar a súa imaxe e tamén favorecer a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

As actuacións proxectadas inclúen o desmontado do pavimento empedrado así como dos escalóns do cantón despois dos necesarios traballos previos de seguimento arqueolóxico “tendo en conta que é un lugar emblemático con moitos anos de historia que, precisamente por iso, debemos conservar nas mellores condicións posibles sendo, ao mesmo tempo, útil para os veciños e veciñas de Mondoñedo”.

Tralos traballos de cimentación, o proxecto recolle a construción de muros de granito, a recolocación do pavimento de adoquíns no muro norte e a pavimentación con lousas rectangulares de granito na rampa.

A actuación complétase con outro equipamento coma a colocación de varandas de aceiro na rampa. Así mesmo, serán reparados ou substituídos os faroles colgantes do cantón por outros iguais e tamén se cambiarán as lámpadas por sistemas LED. Os traballos previsto inclúe tamén a retirada dos contedores soterrados. Aceptar a axuda do Ministerio supoñíalle ao Concello aportar 120.000 euros

A voceira do goberno, Ángeles Rodríguez, explica que “a parte que debería aportar o Concello con fondos propios para aceptar a proposta do Ministerio era nun primeiro momento de 64.000 euros; pero, tendo en conta que o Ministerio non actualizou as cantidades atendendo á suba dos prezos, o proxecto previsto esixía ao Concello facerse cargo de aportar un importe superior aos 120.000 euros. Por iso houbo que replantexar a actuación”.

O goberno local sinala que “esta situación foi explicada debidamente a tódolos grupos con todos os datos”. Nese sentido, lamentan que “o único que pretenda o grupo socialista sexa endebedar ao Concello”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here