Luis Fernández: “O nome de Cándido Carreiras quedou esquecido moito tempo, coma quen di, até o ano pasado”

Luis Fernández é veterinario en Mondoñedo. Á parte da súa carreira profesional está tamén o seu labor a prol da memoria histórica xunto con outros compañeiros e compañeiras na asociación Memoria da Mariña. Esta asociación inicou un traballo de recuperación da figura de Cándido Carreiras Domenech, alcalde mindoniense durante a II República, amigo de Leiras Pulpeiro e concienciado dos problemas sociais. Apreixado despois do golpe de estado de 1936, non foi fusilado e morreu no esquecemento en 1947. O pasado 12 de abril rendéuselle unha homenaxe na data de proclamación da república.

Cándido Carreiras dando o discurso que anunciaba a proclamación da II República.

-Que representa a figura de Cándido Carreiras Domenech dentro das persoas represaliadas na Mariña?

O seu nome pasou esquecido moitísimo tempo, mais na súa época foi presidente da Xunta de Goberno Provisional á fronte do Concello de Mondoñedo cando o golpe de estado de 1936. Foi xulgado mais non fusilado e morreu en 1947 e desde aquela até hai ano e pouco, non foi recordado. Carreiras era unha figura curiosa, a pesar de que na memoria da xente de Mondoñedo case non quedou pegada del. Foi enterrado nun sitio onde ninguén sabía quen estaba naquela tumba ao pé da de Leiras. Unha vez se confirmou que era a tumba de Carreiras, decidimos facerlle unha homenaxe pública e un recordo dos máis digno.

-Durante canto tempo estivo implicado na vida política local mindoniense no tempo da II República?

Cándido Carreiras xa estaba á fronte da alcaldía cando se proclama a II República en 1931 e así até o golpe de estado do 1936. Un dato é que Carreiras dera un discurso desde o balcón da casa do concello dando a saber a chegada da república. Despois do golpe de estado o 18 de xullo, foi arrestado o 15 agosto do 36. A partir de aí foi levado a Lugo, á prisión provincial, acusándoo dunha serie de cargos como rebelión militar e de instruír mediante ideas malignas e perigosas.

Carreiras era unha figura curiosa, a pesar de que na memoria da xente de Mondoñedo case non quedou pegada

-Cándido Carreiras era xa un home adiantado, mesmo sufrira represión durante a ditadura de Primo de Rivera.

Efectivamente, foi represaliado na dictadura de Primo de Rivera porque era unha persoa de ideas republicanas, de esquerda e de defensa dos máis desfavorecidos. Tamén chocaba de fronte coa Igrexa, porque a propaganda que facía, tanto oral como escrita, “atentaba contra os valores morais”. Carreira, ademais da profesión de xastre, tiña un pequeno bar onde había unha biblioteca pública de consulta popular. Todo iso estaba mal visto polos poderes civís e relixiosos.

-É de pensar que esa biblioteca desaparecería durante a Guerra Civil.

Si, todo iso desapareceu totalmente, só quedou na memoria da xente. Non podo dicir cal era o contido material de libros e que foi deles.

-Durante o período republicano, como alcalde, tivo que enfrontarse con frontes como a Igrexa, autoridades públicas ou militares?

Si, porque ese tipo de políticos non eran ben vistos e de aí a represión contra deles despois do golpe militar. Carreira foi xulgado por un tribunal montado daquela maneira e onde testemuñaron persoas acusándoo de atentar contra valores morais e contra da relixión católica. No ámbito non relixioso, foi acusado de incitar ás masas á rebelión porque el sempre fora un home a favor das clases máis desfavorecidas ademais de ver a emigración como un sinal de desenvolvemento no noso país.

Tamén chocaba de fronte coa Igrexa, porque a propaganda que facía, tanto oral como escrita, “atentaba contra os valores morais”

-A que organización política estaba vinculado?

Dise que ao Grupo Republicano Progresista. Dentro do sector da esquerda republicana había varios grupos con denominación diferente.

-Durante o mandato de Cándido Carreiras, cales foron as principais aportacións que se fixeron ao Concello de Mondoñedo?

Máis que aportación material fixo aportación de ideas pois porque aquilo que propuxera non se levou adiante. Fixera unha proposta de crear unha liña de ferrolcarril desde Mondoñedo até Lugo. Sobre a emigración, el sabía que formaba parte do desenvolvemento da comarca e do concello e a súa proposta era que a xente puidese vivir dignamente do sector agrario sen ter que recorrer á emigración.

-Foi amigo de Leiras Pulpeiro ademais.

Había unha profunda admiración de Carreiras a Leiras Pulpeiro. Foi amigo persoal de Leiras e segundo se conta, porque non se sabe se foi un mito ou non, Carreiras achegouse á tumba do médico e poeta para dicir “Leiras, Leiriñas,chegou a República”. Non se sabe se foi certo, mais como era tal a amizade e admiración puido ser certo. Por tanto, era unha relación de amizade mais sobre todo de admiración de Carreiras cara Leiras Pulpeiro.

-Leiras mantiña unhas actitudes que desafiaban “as normas de convivencia” como vivir en parella se estar casado, era un anticlericalista declarado. Carreiras seguía esta liña?

Si era anticlerical, mais Carreiras estaba casado, non como Leiras. Con todo, compartillaban a liña anticlerical e na liña até o que era tolerable, sen pasar certas maneiras de comportamento público, seguía unha estela semellante, aínda así eran figuras pouco comparables. Leiras era unha figura moi senlleira e Cándido non chegaba a ese nivel, si era unha persoa cun compromiso moi forte.

Fixera unha proposta de crear unha liña de ferrolcarril desde Mondoñedo até Lugo

-De onde lle viñan esas ansias de movemento e aprendizaxe?

Era unha persoa moi emprendedora. En 1912, en compaña dun avogado, César González Seco, xa daquela tentaran crear unha empresa de refrescos e gaseosas, mais non prosperou. En 1916 xa consta ter problemas coa forza pública porque xa tiña unha conciencia de defensa dos sectores desfavorecidos no sector agrario. Entón, entre as forzas da orde xa o detiveran nunha reunión no Concello de Lourenzá en reclamación de dereitos para o sector agrario. El estaba arengando, dando un discurso, e aí foi cando o arrestaron, mais ao pouco xa o liberaran. Sobre a orixe das súas ideas ou posicionamentos, pois creo que todo depende de con quen te xuntas. El tivo a fortuna de arrodearse por unha parte de Leiras Pulpeiro e por outra de persoas da vida social de Mondoñedo con ideas afines e así foron creando conciencia de grupo. Entre eles estaban Patricio Vijande, Sánchez Gacio ou Villamarín que xa fora alcalde de Mondoñedo anteriormente. Supoño que esta xente foron quen lle crearon máis conciencia social e creo que é así en todos os casos. Ti vas formando as túas ideas en función de quen encontras na vida, do que aporta a lectura, as relacións e do que observas e así fas unha idea.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here