O BNG de Mondoñedo non vota a favor dos orzamentos locais por considerar insuficientes “cubrir as necesidades básicas”

Praza do Concello de Mondoñedo. GOOGLE MAPS

O voceiro nacionalista en Mondoñedo, Eloi Cabanas, sinalou no debate sobre os orzamentos no pleno do pasado venres unha serie de puntos que levou ao BNG a non votar a favor das contas para 2023.

Segundo Cabanas, o goberno popular amortiza prazas e non cobre as vacantes que aparecen detalladas no anexo de persoal. “Aquí non vale facer máis con menos”. A carga de traballo aumenta e a eficacia no servizo ao asignar as tarefas do persoal que se vai xubilando noutros compañeiros do concello non é suficiente.

Doutra banda, non hai contención no gasto e hai partidas que aumentan ano tras ano. Para o voceiro nacionalista, estes orzamentos apuntan por exemplo que a partida de Gastos Diversos onde van conceptos como Publicidade e Propaganda incrementouse este ano en 34.000 euros, partida que experimenta unha suba de 105.000 euros desde o ano 2019.

Eloi Cabanas dubida que a tendencia á alta destes anos se xustifique despois nun retorno na mesma proporción en melloras para á veciñanza. O BNG tamén lle reprochou ao goberno local a ineficiente xestión nos labores de recadación. Segundo o BNG o Concello perde diñeiro ao non prever ningún ingreso en concepto de Canón Eólico.

Eloi Cabanas insistiu nos compromisos adoptados en anteriores acordos plenarios a instancias do BNG e que o goberno segue sen atender. “O goberno volve a negarlle unha vez máis ás familias co dificultades económicas do noso concello a axuda para a compra de material escolar e libros de texto”. No que respecta ao Anexo de Inversións o edil nacionalista cualificouno de decepcionante xa que só destacaba pola ausencia de proxectos novos.

Para concluír, e igual que en anos anteriores, o BNG considera que o reparto de axudas para as actividades que realizan as diversas asociacións é pouco obxectivo. Bota en falta un procedemento máis xusto como pode ser o de concorrencia competitiva.

Para o BNG estes non son os orzamentos que necesita Mondoñedo, ”hai un amplo parque de maquinaria parado que debería estar funcionando con persoal especializado e igual que hai diñeiro para recorrer a empresas privadas en determinadas épocas do ano tamén os debería haber para realizar moitos deses traballos con recursos propios”, e o aumento do gasto con respecto a anos anteriores non se xustifica só por culpa da subida dos prezos.

Eloi Cabanas, á vista destes orzamentos, denota do goberno local unha evidente “desidia” para encarar estes últimos meses de mandato. “Faltan proxectos e políticas novas de futuro”.

 

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here