InicioEconomíaLuisa Barro, Casa da Penela: "Os nosos produtos son de proximidade e...

Luisa Barro, Casa da Penela: “Os nosos produtos son de proximidade e con eles imos creando unha economía circular”

A Casa da Penela é un proxecto no que participan Luisa Barro e Miguel Rodríguez, na parroquia mindoniense de Vilamor. A restauración de dúas casas de finais do XIX e comezos do XX acabou consolidando unha idea á que se lle suma unha produción agrícola circular. O espazo é un exemplo de asentar xente no rural e darlle vida a unha contorna que vai perdendo poboación.

Publicada o

- Advertisement -

-Como naceu o proxecto de Casa da Penela e cantas persoas vos involucrastes no proxecto?

Eran as casas da familia e tivemos a idea de fusionar agricultura, desa maneira quixemos crear un sistema circular con este proxecto. Ademais, tamén queriamos recuperar a herdanza que ofrecía o lugar, poñer en valor estas casas para que non caeran.

-Ademais das casas tamén recuperastes moito mobiliario, mesmo hai berces de madeira antigos.

Si, recuperamos moito mobiliario que foi desta casa. A vivenda arrendouse e os propietarios levaron todo para Pedrido, foi cando abriron a estrada e montaron unha taberna e alí fixeron a vida. Esta que agora é a casa rural, arrendárona e todos os mobles que foron desta casa leváronos para alí. Os mobles fóronse conservando e logo trouxémolos de volta cando restauramos esta casa. Houbo un gran traballo de recuperación, era o que queriamos, preservar o máximo posible o seu aspecto.

-O conxunto ten máis construcións arredor ou só é unha casa?

Eran dúas casas, primeiro construíron unha casa mais eran moitos fillos. Levantaron outra vivenda algo máis abaixo. Nós unímolas cunha cristaleira porque a distancia era moi pouca, catro metros. Unha das casas, onde vivimos nós é de 1890 e a outra é de comezos do século XX.

-Levou moito tempo a restauración?

Si, levou tempo pois son dúas casas de 500 metros cadrados. Unha estaba case en ruína e tivemos moito traballo con ela.

Houbo un gran traballo de recuperación, era o que queriamos, preservar o máximo posible o seu aspecto

-Tedes sete cuartos para alugar. Agora cerca do Nadal tedes unha demanda moi elevada?

Iso máis de cara ao fin de ano. O aluguer dos cuartos é máis do verán, logo no inverno a demanda baixa. O que facemos son comidas por encargo e diso si temos demandas nestas datas. O aluguer é moi estacional por iso comezamos a facer comidas encargadas para grupos e ás que engadiamos algunha especialidade nosa.

-Isto verase tamén compensado coa explotación agrícola.

Iso é o que buscabamos. Os nosos produtos son de proximidade e con eles imos creando unha economía circular.

-Se preguntase pola especialidade da casa?

De todo. Agora metemos unhas ovellas para termos carne, galiñas para aproveitarmos os ovos e os pitos, e así compaxinamos a comida tradicional con moita verdura. Tamén sementamos os nosos legumes.

-Na vosa web vexo que tedes un hórreo. Aproveitádelo para algunha actividade?

Si, é un hórreo que lle din estilo Ribadeo. Destes non se ven moitos nesta zona, porque ten como dúas partes, mais o habitual por aquí é que se vexan os piares. Non sei porque este foi feito así. Usámolo para gardar o millo, trigo e outros elementos para dar de comer aos animais. Aínda que non cultivamos moito cereal.

O aluguer é moi estacional por iso comezamos a facer comidas encargadas para grupos e ás que engadiamos algunha especialidade nosa

-A vosa casa está na parroquia de Vilamor, unha área rural. Arredor do que é a casa rural e o proxecto agrario, podedes ver se se están asentando máis persoas?

O que si percibimos é o impacto arredor do número das visitas que chegan. A xente pregunta e comenta sobre “tantos coches que chegaron o outro día”, e iso débese á tranquilidade do lugar. Se preguntas por un crecemento de poboación na parroquia, non, non houbo.

-Tivestes moitos condicionantes cando vos puxestes a restaurar as edificacións?

Non se podía distorsionar a fachada, non se podía modificar por fóra. Dentro si, podíamos facer o que quixeramos. Iso si, usamos madeira e seguimos a arquitectura tradicional.

-Cal é perfil da persoas que se achegan á Casa da Penela?

Normalmente familias de entre 30 e 40 anos con fillos e que veñen de grandes cidades. Ademais, temos clientes que repiten todos os anos, ao mellor unha semana ou dúas. Ao final acaban coñecéndose familias entre elas por coincidiren. Ao final é como se estivesemos nunha familia. Penso que un motivo é non ter televisores nos cuartos, aínda que pensei en poñelos, mais iso distorsiona a xente, métense no cuarto e sería como un hotel. Así os nenos xogan e as familias falan entre elas, é como vivir nunha casa e créase un ambiente familiar. Ademais, tamén lles explicamos como poden facer unha ruta pola Mariña.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...