InicioCentralMondoñedoLuis Ansedes: "O obxectivo é darmos a coñecer a figura de Andrea...

Luis Ansedes: “O obxectivo é darmos a coñecer a figura de Andrea López Chao e todo o seu traballo na emigración”

José Luis Ansedes é presidente da Asociación Abrindo Camiño, entidade focalizada en reivindicar os camiños do norte cara Santiago. Falamos con el motivados polo traballo que se está a desenvolver desde varios colectivos e persoas para a recuperación da figura dunha mindoniense quen entre outras moitas iniciativas, levou adiante o I Congreso Internacional da Muller en La Habana hai un século, Andrea López Chao. Achegámonos ao pouco que se sabe aínda desta muller quen reivindicou os dereitos da muller nunha sociedade e nun tempo onde non existían.

Publicada o

- Advertisement -

-Como apareceu o interese pola figura de Andrea López Chao?

Ben, aí temos o traballo de varios colegas, entre eles do de Martín Fernández Vizoso quen leva publicado en prensa numerosos artigos sobre mariñaos e ten dous libros escritos sobre este tema. A xornalista María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, quen escribiu un libro titulado Sándalo sobre a emigración. É dicir, hai varias persoas a quen lles interesa ese tema e xuntos tentamos recuperar a memoria da emigración. Entón baseándonos neste conxunto de persoas e investigadores do Consello da Cultura Galega, estamos tentando recuperar esta figura que para min é das máis senlleiras en América. Era unha mestra de Mondoñedo que sacou unha oposición para dirixir o cadro de persoal do Centro Galego de La Habana.

-Hai coñecemento sobre a vida de Andrea en Galicia antes de partir para La Habana?

Iso tamén se está investigando. Hai un grupo de persoas que buscan nos arquivos, buscando a rúa de nacemento que a temos perfilada mais queda constatala. Durante aquela época, finais do XIX non era doado para unha muller estudar e moito menos coas condicións que había, sen estradas e outras vías de comunicación. Pensamos que fixo os estudos por libre en Santiago de Compostela, porque daquela nin existía Maxisterio en Lugo. Cando ela ten uns vinte anos decide irse para Cuba, entre outras cousas, motivada por ter o marido aló. Antes estivera de mestra na Fonsagrada e logo en tres parroquias de Mondoñedo, en Lindín, A Couboeira e Viloalle. Desde esta parroquia e con esa oposición é como se vai para Cuba.

Entón baseándonos neste conxunto de persoas e investigadores do Consello da Cultura Galega, estamos tentando recuperar esta figura que para min é das máis senlleiras en América

-En que período tería acontecido isto que me describe e que obras levou adiante Andrea López Chao en Cuba?

Estariamos entre finais do século XIX e comezos do XX. Andrea López Chao non só se implica no labor didáctico do Centro Galego, centro do que saíron xentes como Laxeiro ou Antía Cal e moitos máis, concretamente o centro educativo tiña por nome “Concepción Arenal”. López Chao implícase nos dereitos da muller emigrante, que non tiña ningún dereito, nin asistencia sanitaria. Crea, impulsa a sociedade “Hijas de Galicia” que tivo máis de cen mil socias. Crea un hospital tamén chamado “Hijas de Galicia”, que hoxe en día segue sendo referencia en canto coidados materno-infantís e outra obra súa foi a creación dun balneario para acoller as mulleres emigrantes. Por outra parte, o ano que vén celebrarase o centenario do I Congreso Internacional da Muller celebrado en Cuba, onde Andrea é a voceira de “Hijas de Galicia”. Con motivo desa efeméride temos pensado levar adiante unha serie de actos tanto aquí como en Cuba. O obxectivo é reivindicar a figura desta muller e dala a coñecer porque digamos que a memoria histórica a esqueceu cando entrou o castrismo en Cuba.

-Como é que se esqueceu esta figura en Cuba?

O Centro Gallego agora é o Centro de Danza Isabel Alonso, do balneario que agora é chamado doutra maneira e mesmo o hospital “Hijas de Galicia” cambio o nome a “Diez de Octubre”. Borrouse a pegada de centros de miles de emigrantes galegos en Cuba. A comunidade galega en Cuba axudaba en labores filantrópicos na illa mais tamén aquí, onde tiñan as súas raíces coa construción de escolas, apertura de estradas e hospitais. Todo con fondos recadados nas comunidades galegas do exterior.

Cando ela ten uns vinte anos decide irse para Cuba, entre outras cousas, motivada por ter o marido aló

-Queda pouca información sobre todo o traballo de Andrea e a súa relación coa comunidade galega?

Estamos investigando todo o que poida haber arredor da súa figura, mais está levando tempo. A memoria está borrada, mesmo está borrado o feito polo Centro Gallego de La Habana e de “Hijas de Galicia”. Hai un historiador cubano, González Pajés, quen garda os arquivos que quedan despois dun incendio no Centro Gallego. A través del sóubose do labor de “Hijas de Galicia”, con posterioridade a Xunta edita un libro, mais estamos recuperando a figura de Andrea, quen foi a primeira vicepresidenta e impulsora de todos estes proxectos.

-Cales son os pasos que se están dando para a recuperación da imaxe de Andrea López Chao?

Por todo isto, estamos coa idea de recuperar para o ano que vén, o centenario do congreso e para o 2024 é o centenario do hospital “Hijas de Galicia”. A raíz disto, creamos unha sociedade institucional e asociativa para materializar unha serie de actividades que se están xestionando aínda. En paralelo creouse outra comisión en Cuba de xente relacionada con Andrea ou Galicia que teñen previsto facer actividades aló entre os meses de marzo e abril.

-Dito isto, cales serían as motivacións máis fortes que levaron a Andrea a participar e crear todo o labor que levou adiante en Cuba?

Non dispomos da información necesaria, estamos investigando. Unha das persoas que colabora con nós é bisneta de Andrea, que se chama Patricia Ares, catedrática de Psicoloxía na Universidade de La Habana, e non sabe practicamente nada da súa bisavoa. En Mondoñedo vive un sobriño-neto de Andrea, dono dunha imprenta, Fernando López que si nos aportou documentación sobre a familia. Mais as motivacións que tiña detrás esta mestra estámolas investigando. No Consello da Cultura Galega está recollido o discurso dese Congreso Internacional da Muller, e aí ela se vindica porque moitas mulleres acaban na prostitución e moitas tiradas na rúa. Aí é onde entra o labor de “Hijas de Galicia” e a muller daquela non tiña dereito a nada. Mesmo tivo que pelexar cos seus colegas homes do Centro Gallego porque a muller non tiña dereito a nada. Ao centro de estudos chámalle “Concepción Arenal”, ao hospital tamén lle chama “Concepción Arenal”. Mais as motivacións non as coñecemos.

López Chao implícase nos dereitos da muller emigrante, que non tiña ningún dereito, nin asistencia sanitaria

-Existe agora mesmo un traballo de creación para un audiovisual sobre a súa figura?

Estamos intentando facelo. Todo está en proxecto porque debemos canalizala a través da Xunta de Galicia e tivemos contactos co Consulado de Cuba e contactamos coas autoridades cubanas para poder rodar aló. Por tanto, hai un proxecto, creouse unha comisión que preside o alcalde de Mondoñedo e na que tamén estamos metidos xente das asociacións e non só xente de aquí, tamén de fóra para tentar o ano que vén dar a coñecer e reivindicar máis amplamente a figura de Andrea López Chao.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...