O Valadouro programa o Mes Gandeiro para a posta en valor das razas autóctonas durante este febreiro

As actividades comezan este sábado coa Feira de Razas Autóctonas e continúan nas semanas seguintes con conferencias, actividades gastronómicas e un mercado de gando.


O Valadouro dedicará febreiro á promoción das razas autóctonas e á posta en valor da gandeiría co Mes Gandeiro, unha iniciativa que conta co apoio de Medio Rural da Deputacion de Lugo. A deputada Mónica Freire e o tenente alcalde do Valadouro, Eduardo Chao, acordaron a colaboración que encherá de actividade o concello durante as próximas tres fins de semana e que reforza a feira de razas autóctonas que se viña celebrando nos últimos anos.

A responsábel provincial sinalou “que a extensión a todo o mes das actividades reflicte o esforzo que desde a área de Medio Rural do Valadouro está a facer por potenciar o sector primario, e especialmente a actividade gandeira, poñendo en valor a longa tradición da cría de cabalos e gando vacún, sobre todo nas parroquias situadas ao pé da Serra do Xistral”. E destacou que “se trata dunha aposta aliñada coas iniciativas que vimos desenvolvendo desde a Deputación, con programas e colaboracións que inciden na promoción da gandeiría extensiva e das razas autóctonas para dinamizar económica e socialmente o rural e conservar o territorio

Mónica Freire destacou a introdución no programa dunha xornada dedicada á formación e ao intercambio de experiencias coa participación de gandeiros, entidades de aconsellamento e persoas investigadoras, onde gandeiros da zona de montaña relatarán en primeira persoa a súa experiencia no manexo e crianza de gando.

4 de febreiro

IV Feira de Razas Autóctonas, con exhibición e venda de exemplares de Pura Raza Galega, Porco Celta, Cabra Galega, Rubia Galega, Morenas Noroeste, Burro Fariñeiro, Galiña de Mos e Pita Piñeira.

10.00 h. Apertura do recinto ao público

11.30 h. Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega

Pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Amado Lar

13.30 Demostración de doma de alta escola co traballa a pe a terra a cargo da asociación Pura Raza Cabalo Galego

19.00 h. Entrega de premios na carpa de exhibicións. A organización repartir máis de 5000 euros entre as gandeirías con mellores lotes e exemplares nas distintas categorías.

11 de febreiro

Conferencias Agrogandeiras, no Salón de Actos da Casa da Cultura, con conferencias en xornada de mañá e tarde.

10.30 h.

A explotación gandeira complexa adaptada ás dificultades das terras de Montaña. Alejandro Salvatierra

Sistemas extensivos de produción de carne (MVMC Espiñarcao). Lidia Díaz Otero

Produción de carne coa Raza Rubia Galega. Santiago Crecente

12.00 h.

A dificil convivencia co lobo. Que sabemos de certo? Joan Alibés

17.00 h.

O Porco Celta. Raza 100% autóctona. Iván Rodríguez Paz.

GO Forescelta: Innovación na xestión silvopastoril. Roberto Besteiro.

18.30 h.

O legado de Juan Rof Codina. Diego Conde.

Ese mesmo día, no Camiño da Granda, en Ferreira celebrarase, da man de Puraga, un concurso de Andadura Galega, con probas desde as 11 da mañá, e 2080 euros en premios.

Durante a fin de semana celebrarase unha Ruta de Tapas con carne de razas autóctonas nos establecementos hosteleiros do concello.

18 de febreiro

Feira de Gando. Ademais da actividade comercial, a organización repartirá 1.000 euros en premios entre as gandeirías participantes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here