A Concellería de Cultura e Medio Rural do Concello do Valadouro, dirixida Por Eduardo Chao informa das convocatorias desta fin de semana coa clausura do Mes Gandeiro que conclúe coa Feira de Gando tradicional que ten lugar este sábado, 18 de febreiro a partir das 10:00 horas da mañá.
Esta Feira de Gando é unha oportunidade para que os gandeiros fagan transaccións de compravenda de animais de gando vacún, cabalar, ovino, caprino e porcino. Tamén para os demais visitantes é unha ocasión para revivir o ambiente das feiras de antano que se pretenden recuperar polos seus efectos económicos e sociais para o Concello do Valadouro.
Por outra banda, co tempo de Entroido no Valadouro non podía faltar o domingo 19 de febreiro, o tradicional Desfile que se iniciará no Local Social ao pé do Parque Concepción Arenal sobre as 17:00 horas e que discorrerá polas rúas da vila até o Pavillón Municipal. Aínda está aberto o prazo de inscricións para concorrer aos premios do concurso nas distintas categorías establecidas. Tamén haberá un Entroido Infantil o martes 21 de febreiro que terá lugar na Praza de Santa María desde as 17:00 horas con inchables, obradoiros e outros xogos.