A oposición do Valadouro fai fronte común sobre os suplementos de crédito presentados pola alcaldía

Nun Pleno extraordinario o voto da oposición foi contrario aos suplementos tal e como están confeccionados, "porque non nos podemos fiar desas contas".


A oposición do Concello do Valadouro, conformada polos concelleiros do Partido Popular, Udival e concelleira non adscrita, sinalan nun comunicado conxunto querer “aclarar a súa postura en contra dos expedientes de suplemento de crédito presentados pola Alcaldía e que foron tratados no pasado Pleno do día 3 de novembro”.

Os tres voceiros apuntan que durante as reunións co alcalde non se lles deu unha información clara de para que necesitaban agora o novo suplemento de crédito. Segundo sinalan os tres grupos da oposición, o alcalde xustifícase na necesidade de ampliar algunhas partidas “con mentiras, como é habitual nel“. Despois dunha reunión que durou dúas horas a oposición di non comprender as explicacións dadas pola alcaldía, “polo que chegamos a un principio de acordo, xa que se non fose así estariamos alí ata a noite sen ter as contas claras”.

Sinalan que para o outro día da reunión, os representantes da oposición recibiron unha convocatoria dun Pleno extraordinario e urxente para tratar o suplemento de crédito, cando en poucos días “se celebraría o Pleno ordinario, supoñemos que sería para que non nos dera tempo a estudialos máis, porque senón non ten sentido”.

No Pleno o voto da oposición foi contrario aos suplementos tal e como están confeccionados, “porque non nos podemos fiar desas contas, estando sempre a favor de aumentar a partida para a suba dos funcionarios, o persoal do concello ten que cobrar o que lle corresponde por Lei, non pode ser doutra maneira, o que non é admisible é que inflen esta partida para contar despois con máis cartos, as contas teñen que estar claras”.

Declaran que o mesmo sucede coa partida do servizo de dependencia (SAF), do que din que “inflan a partida, ó noso entender a cantidade que propoñen aumentar non é real, polo que propuxemos se nos presente un suplemento para os gastos do persoal e servizo de dependencia cos importes reais que se necesitan para rematar o exercicio”.

O resto das partidas incluidas nestes suplementos, din desdes a oposición, poderían estar xa cubertas antes de chegar a este momento con transferencias doutra partidas ou coa incorporación de remanentes que fixeron no mes de xuño,” pero prefiriron deixar todo para o último trimestre porque despois poden incorporar estes importes ó presuposto de 2023″.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here