Daniel Caxigueiro: “Interésanme os aspectos máis creativos da cerámica e non tanto a repetición”

Daniel Caxigueiro (Daniel Río Rubal) é un escultor que traballa a cerámica para crear pezas ás veces voluminosas e por iso delicadas. Desde neno gustaba de cocer barro aínda que non resultase nunha peza práctica ou artística. Co tempo tamén foi combinando a cerámica co metal e a creación fotográfica. Xunto a isto esconde unha outra paixón que el ve como "máis agradecida", as creación de espazos con plantas de todo tipo...

Daniel Caxigueiro

-Como naceu a túa vocación de traballo artístico coa cerámica?

Eu son de Mondoñedo e cando era neno había moitos obradoiros de cerámica popular. De neno pasaba con moita frecuencia por diante dun e sempre pedía barro que nunca acababa de cocerse, aínda así eu pedíao e levábao para a casa e xogaba con el. Así pois, desde moi neno estou familiarizado coa arxila. Despois, cando rematei COU non tiña moi claro que quería facer. Dous compañeiros, Mauro Leivas e Xosé Artiaga foron facer Belas Artes a Madrid, mais eu naquel momento pensaba que era máis interesante quedarme aquí no país, sobre todo pola situación social. Isto supoñía que unha das poucas posibilidades que tiña era entrar en Sargadelos. Comecei a traballar no Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos e así seguiu a arxila xunto a min. Fixen a especialidade de cerámica na escola Ramón Falcón. Á parte está que sempre me interesou a arte desde que era pequeno.

-Ademais diso, existía algunha arela especial en traballar con barro e facer traballos coa cerámica?

A min xa me interesaba a escultura, e aínda que daquela estaba mal visto e considerado un traballo menor o traballo en cerámica, eu ese tipo de prexuízos nunca os tiven. Non tiña interese na cerámica popular, non porque a vise nin mellor nin peor, senón porque me interesaban cousas máis relacionadas coa creatividade e non tanto coa repetición. Ademais, daquela en Galicia e no resto do Estado, a cerámica como creación artística non estaba moi integrada, foi a miña xeración a que fixo ese traballo. En Galicia houberap persoas como Elena Colmeiro, mais eran poucas. Pareceume un traballo doado aínda que o proceso é máis longo co secado e a cocción, non como a pedra, que o traballado xa é definitivo. Mais a cerámica é un material moi agradecido, así que tendo iso aquí perto, decidín quedar.

-Cales foron os teus referentes dentro da creación coa cerámica?

Dicía hai pouco que o material me gustaba para traballar, mais tamén é certo que me fixaba máis nos escultores que nos ceramistas. En Galicia, naquel momento, á parte de Elena Colmeiro, Silverio Rivas que pola súa estancia en Sargadelos tamén tocou material cerámico e Acisclo Manzano, practicamente ninguén traballaba con materiais cerámicos e quen o facía eran galegos e galegas que estaban fóra a quen tamén seguía. Aínda así, non era tanto o meu interese en fixarme nos ceramistas senón máis no aspecto volumétrico, no aspecto máis escultórico e no aspecto conceptual. É certo que tiña referentes na cerámica mais a maioría viñan da escultura.

a cerámica como creación artística non estaba moi integrada, foi a miña xeración a que fixo ese traballo

-Como foron os teus comezos profesionais no sentido de crear as túas propias formas e vivir delas?

Digamos que hai tres momentos. O primeiro é pola aprendizaxe de Sargadelos, onde se traballa con moldes, logo de traballar con eles durante tres meses aprendín a usar esa técnica á parte da do modelado. Nese tempo boa parte das pezas eran moi debedoras de escultores como Henry Moore, pezas como moi orgánicas feitas con moldes, pezas moi grandes, e pezas modeladas coas que fixen a primeira exposición en Lugo en 1980. Logo está o momento en que me instalo en Mondoñedo co meu taller e onde aproveito para traballar e facer estudos de texturas. Aí xa temos unha obra moi diferente onde recorro ás cerámicas máis primitivas para facer un estudo amplo de texturas. A partir de 1990 teño unha obra máis conceptual e moito máis persoal onde integro materiais, fotografías, parafinas ou ferro. Digamos que desde ese momento é unha obra máis seria e comprometida e máis contemporánea.

-O uso da fotografía e o metal ofrecíanche outras posibilidades que non podías encontrar coa cerámica?

A cerámica é moi agradecida e interesante, mais tes moitas limitacións en canto formatos e tamaños, aínda que agora mesmo teño un forno grande pois non deixa de ter os seus límites. Por iso moitas veces recorro a crear módulos, fragmentar, crear módulos e instalacións, unha maneira de traballar que a min me interesa moito. Cando traballas con formatos grandes en cerámica, son elementos moi delicados e que teñen un proceso longo. Eu sempre estou cocendo, por tanto teño sempre dúas coccións, e entre a primeira cocción e co secado e logo a segunda cocción poden pasar meses. Por iso creo que botar man doutros materiais parece algo natural. O encontro coa fotografía foi tamén algo case que casual, porque tiña un amigo fotógrafo moi bo en Ribadeo, agora xa se foi de aí, Diego Casado. Era un fotógrafo de prestixo, con premios nacionais e eu cada vez que o vía traballar cando vivín en Ribadeo, a min ese traballo parecíame moi difícil e ademais levaba moito tempo e eu non tiña este tempo para investir na aprendizaxe coa cámara, sobre todo para facer uns traballos extraordinarios como os que facía el. Cando chegaron as cámaras dixitais un día púxenme a xogar. Dese xogo saíu algo interesante, entón aí foi cando me interesei polo tema. Hoxe en día é unha fonte de traballo moi habitual e mesmo creo que xa conseguín unha pegada propia.

practicamente ninguén traballaba con materiais cerámicos e quen o facía eran galegos e galegas que estaban fóra a quen tamén seguía

-Describe a túa faceta como escultor.

Realmente fago escultura con material cerámico, non fago outra cousa. Ás veces a necesidade, a inmediatez, de botar man doutros materiais fixo que comezase a compartir ese tempo da escultura, da instalación da cerámica con outros materiais, aínda que relamente boto man dun pouco de todo. Teño pezas onde o ferro está moi presente, outras coa madeira moi presente ou mesmo o papel. Boto man de todo, como fai a maioría da xente que se dedica á plástica nestes momentos.

-Que é o Espazo Caritel?

Unha das miñas paixóns, á parte da cerámica, é a botánica, a natureza ao aire libre. Antes de instalarme en San Martiño de Mondoñedo, aquí en Foz, a miña muller e máis eu comezamos a plantar diferentes especies. E isto engancha, é moi agradecido e ano a ano ves como as cousas medran. Tamén é unha maneira de seguir creando, distribuír o espazo, seleccionar unhas plantas e cada xardín é moi persoal precisamente por iso. Entón, cando naceu a nosa filla decidimos plantar unhas árbores e así seguimos até hoxe, algo máis de 30 anos. Hai moita camelia, árbores de todas as procedencias, moita hortensia e unha das miñas favoritas, os felgos, os fentos, sobre todo os arbóreos. E todo isto arrodeado de flora autóctona, castiñeiros, bidueiras, acivros, carballos e plántas foráneas.

Cando traballas con formatos grandes en cerámica, son elementos moi delicados e que teñen un proceso longo

-Mesturas as túas esculturas con esta paixón túa polas plantas?

Si, aínda que non teño moita présa en ir colocando pezas porque xa existe unha sala onde expoño as pezas. Mais si é certo que cando os espazos van pedindo obra, vou incluíndo obras, agás unha peza dunha compañeira de Pontevedra que é unha pequena instalación tamén presente.

2 COMMENTS

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here