-O tema que tes subido ao Youtube é o único traballo que tes até o de agora?
Ben, nunca cheguei a facer un disco. O único que fixen foron os temas subidos á Internet.
-Como realizaches estes vídeos? Tiveches axuda de alguén?
Audoume un rapaz que se chama Luis e que agora vive en Francia. El foi quen realizou as tomas de vídeo e logo a edición do mesmo.
-De onde sacaches a túa maneira de cantar, bailar e expresarte diante da cámara mentres recitas os teus temas?
A música que interpreto é a mesma que me gustaba de pequeno. En Cabo Verde sempre estiven moi metido en temas relacionados coa música, sobre todo no rap. Escoitaba moita música nacional, tamén música internacional, sobre todo dos Estados Unidos, o rap. Sempre me gustou moito, había moitas bandas caboverdianas con moi bos Mcs e que lanzaban mensaxes comprometidas. Aí foi onde encontrei inspiración para facer o meu.
-De que falan as túas letras cando compós temas?
Falo da desigualdade social e da falta de oportunidades, porque de onde veño, Cabo Verde, as oportunidades son escasas.
-Se escribises cancións relacionadas co sitio onde vives agora, que temas che gustaría tratar?
Aquí abordaría o tema da vida neste país, a vida dos meus paisanos que traballan no mar, de como é a vida dos mariñeiros.
-Cantarías sobre outros temas, como o racismo?
Si, claro, falaría de racismo e tamén cantaría sobre o amor, cantaría sobre moitas cousas aínda que máis sobre reivindicación social.
-Mentres tanto, aquí realizaches un módulo relacionado co mar. Por que escolliches esta especialidade?
Pois porque en Burela, se queres gañar medianamente ben tes que tirar para o mar, non hai outra.
-E aínda así, sacarás máis música, gustaríache vivir dela?
Si que sacarei máis música e desde logo que quería vivir dela. Para facelo hai que modernizarse e usar todas as novas plataformas online. Mais desde hai uns anos non fago música por non poder compaxinala co traballo e cos estudos.
-Aínda así, escrebes letras para cancións cando tes tempo?
Si, cando teño tempo, si que escibo e fágoo no meu idioma natal, o crioulo de Cabo Verde.
-Cres que a xente comprende as túas mensaxes mesmo cantando na túa lingua?
Iso depende. Normalmente tiña que cantar en galego se estou en Galicia ou en español se estou noutros lugares. Mais cando canto en crioulo flúo máis.
-As bases de ritmo valas elaborando ti ou recóllelas de arquivos sonoros?
Recollíaas de arquivos na rede porque non tiña posibilidade nin condicións de crealas por min mesmo.
-Na túa casa que din cando te ven nun vídeo en Youtube?
Ah, sempre foi algo positivo para toda a miña familia. Tamén a miña irmá está metida no mundo da música no grupo Batuko Tabanka.