-Por que se escolleu a lectura continuada do libro Chiquinho para este 1º Día da Literatura Cabo-Verdiana en Burela?
Non foi por acaso que escollesemos esa obra, a máis importante da literatura cabo-verdiana e que de certa maneira inagurou a literatura de Cabo Verde. Entendemos que nunha comunidade como Burela a lectura debera ser unha obra coñecida porque asi nos permite coñecer moi ben esa cultura cabo-verdiana. Tamén entedemos que serve de ponte para entrarmos nesa cultura pois ao mesmo tempo se produce unha identificación como galegos, pois a historia de Chiquinho, un neno cabo-verdiano, fai sentir un paralelismo con Memorias dun Neno Labrego. Chiquinho pode ser calquera neno galego ou nena galega aínda que estea situado en Cabo Verde mais aínda así, como galegos non podemos deixar de identificarnos con esa historia.
-A cousa apunta que será unha xornada intensa comezando sobre as dez da mañá e acaba ás 18:00. Mais que nos podes contar do autor, Baltasar Lopes?
Baltasar Lopes foi relevante no nacemento da literatura cabo-verdiana na medida en que fixo parte na fundación da revista Claridade. Foi un movimento que comezou a reivindicar a nacionalidade cabo-verdiana, de deixar de ser unha colonia para ser unha nación, ter unha identidade propia independente da metrópole. O seu valor desde o meu punto de vista, está en dar ese paso de non seguir identificándose propiamente coa metropole senón levar adiante a identidade cabo-verdiana a outro nivel, independente da metrópole e co nacemento da nación de Cabo Verde.
-Aínda que a comunidade de Cabo Verde en Burela é numerosa, sobre todo por parte dos adultos, coñecen esta obra?
De forma xeral non hai un coñecemento moi profundo do libro. Moito do alumnado e mesmo persoas alleas ao ámbito escolar dos que van participar, pois esas persoas adultas probablemente non a coñezan nin saiban a relevancia que ten esa obra. Dentro do alumnado, aqueles que chegaron e xa foran previamente escolarizados en Cabo Verde, coñécena por referencias nos libros de texto sobre Chiquinho, si encontrei casos.
-O día 14 de marzo será o día propiamente dito e, entre outras persoas, participará a delegada cultural da embaixada de Cabo Verde, Odette Alves. Que interese espertou na embaixada facer esta lectura e potenciala nunha comunidade cabo-verdiana ampla como é a burelesa?
Efectivamente, a delegada vai participar mediante vídeo-conferencia, non de maneira presencial. A proposta foi ben recibida e o contacto foi a través do embaixador, pois no inicio pensabamos nel como participante mais non pode ese día, desa maneira delegou en Alves. Non obstante, a lectura incial vaina facer unha alumna, Noemí Cardoso, quen lerá o mesmo texto que Odette Alves, só que Cardoso o fará en creoulo, pois fixemos a tradución dese texto para o creoulo. Pareceunos importante, pois non temos constancia de que se fixese a lectura en creoulo publicamente, por iso nos pareceu importante visibilizar o creoulo nesta lectura.
-Como se foi articulando esta iniciativa?
A iniciativa parte do Modelo Burela que está moi ligada á escola, mais na iniciativa participamos Bernardo Penabade, a dirección do centro, Karina Parga que é a responsable da biblioteca do centro e colabora na organización do acto e eu. Tamén buscamos a participación do alumnado, de mozos e mozas que agora están estudando en Compostela e que nos fixeron a tradución para creoulo, tamén tentamos que se involucren no desenvolvemento do acto, non só lendo senón en todo o proceso de organización.
-Tamén está a participación de autores como Sechu Sende ou Rocío Rivas entre outros máis. Estas intervencións tamén son por vídeo-conferencia?
Efectivamente, hai moitas persoas que participarán por vídeo-conferencia, mais no caso do Sechu será enviar o vídeo gravado, pois hai tres maneiras de participar: presencial, vídeo-conferencia e gravación de vídeo. Ademais, no caso de Sechu, como é profesor en Vila de Cruces, tamén participará alumnado da súa escola lendo. Tamén participa o insituto de Ribadeo, o Dionisio Gamallo, participa ademais un instituto de Ponteareas, o IES Barral e tamén participan da EOI de Extremadura.
-Fálasme desde Galicia a Extremadura, por tanto tamén hai un percorrido nese ámbito que quedou fóra da lusofonía “oficial”.
Direiche que recentemente estiveron dous profesores universitarios cabo-verdianos que tamén participarán da leitura. Creo que están agradecendo moito este acto pois notan como se lle dá visibilidade á súa cultura e que sexan o centro nun lugar onde hai tantos cabo-verdianos que, á parte xa está esquecidos non só polas autoridades españolas e galegas e tamén as de Cabo Verde. En xeral, tanto por parte de galegos, cabo-verdianos, desde Extremadura, tamén participarán xente do Brasil e Portugal, fará unha lectura un deputado cabo-verdiano, Francisco Pereira, que serán quen peche a lectura. Creo que se está vivindo con moito optimismo e desde o alumnado como unha actividade moi bonita. En certa maneira, eles ven como se lles dá visibilidade e como son vistos por nós.