InicioCulturaPablo Lechuga Mallo: “'Democracia Nuclear' non busca xulgar se a enerxía nuclear...

Pablo Lechuga Mallo: “’Democracia Nuclear’ non busca xulgar se a enerxía nuclear é boa ou mala”

Pablo Lechuga Mallo é un xornalista leonés que traballa nun proxecto denominado "Democracia Nuclear" sobre os proxectos nucleares deseñados nos últimos anos do franquismo. Un dos capítulos é "Xove. Democracia Nuclear". Aborda aquí as mobilizacións durante os 70 e comezos dos 80 contra a que sería central nuclear de Regodela, na parroquia xovense de Xuances. O obxectivo é recadar todas os testemuños posibles antes de que o tempo os borre e traspasalos, dalgunha maneira ás novas xeracións.

Publicada o

- Advertisement -

-“Xove Democracia Nuclear” forma parte dun conxunto de proxectos sobre centrais nucleares dentro do Estado. Por que o título “Democracia Nuclear”?

Eu son dunha vila de León, Valencia de Don Juan, e durante o 1975 o Consello de Ministros aproba o Plan Enerxético Nacional que incluía a construción de 20 reactores nucleares en todo o Estado, todo dentro do contexto da crise do petróleo. O proxecto de Xove era máis antigo porque fora planificado en 1973. O nome “Democracia Nuclear” vén da intención do documentario de non valorar se a enerxía nuclear é boa ou mala, non é un tema que tratemos. Logo cada convidado dá o seu testemuño. O obxectivo de “Democracia Nuclear” é recoller os testemuños da xente que, aínda baixo a ditadura de Franco, opoñerse á enerxía nuclear ía máis alá, estaba mostrando un cambio na sociedade. Era unha sociedade cansa da imposición de proxectos como era a enerxía nuclear. “Decido poñer unha central nuclear porque si”. Foi cando a xente dixo “opoñémonos a algo que consideramos malo para o noso futuro mais sobre todo pola desinformación”. Hai historiadores que adiantan a Transición ao ano 1975 cando as manifestacións tiñan unhas consecuencias que non teñen agora. Era como se a xente tivese perdido o medo despois de tantos anos de dictadura. As novas xeracións que son as máis participativas nestas mobilizacións, pois a xente nova ten “menos ten que perder” en teoría, non viron os peores anos da ditadura e por iso non tiñan tanto medo. Por iso poñemos “Democracia Nuclear”, polo cansazo do franquismo.

-Que persoas participaron neste documental ofrecendo as súas visións e perspectivas?

Xa recollemos testemuños de veciños que participaran das manifestacións tanto en Xove como noutras parroquias da Mariña e mesmo houbo veciños a favor da central nuclear. Por exemplo, en Valencia de Don Juan houbo unha oposición frontal, mesmo dos acaldes, que daquela eran postos a dedo polo franquismo, acabaron en contra. No caso de Xove había xente totalmente en contra e outra a favor. Esta última era así porque ao mellor tiña unha implicación directa por vender terreos á empresa que montaría a nuclear, pensando en posibles postos de traballo ou investimento para a zona. Outro valor que ten para min “Xove. Democracia Nuclear” é que ao recoller testemuños fóra de onde vivo eu, non sinto esa presión de estar condicionado, é como ver as touradas detrás do valado. Tamén lembrar que en Xove o nacionalismo galego tivo un peso importante. Por iso digo que non teño ningunha caste de connotación, nin para ben nin para mal.

-Con que xente falastes para elaborar o documentario?

Con xente que formaba parte do xermolo que logo acabaría no BNG, falamos con Ramón Varela, catedrático de Bioloxía, que mesmo fixo un libro sobre a enerxía nuclear mencionando Xove e logo foi presidente de ADEGA. Falamos con Francisco Rodríguez, en Viveiro, que foi concelleiro do BNG en Viveiro e coa súa muller, Mariña. Ademais falou o actual alcalde, Demetrio Salgueiro, para contextualizar o que é Xove agora, mais el non recorda moito porque daquela era un neno. Consideramos importante as súas declaracións para presentar como é o concello hoxe e se a veciñanza segue falando deste tema. Falamos co que foi alcalde daquela, Jesús González, contou como vivira aqueles anos. Aí o tema foise ligando coa creación da fábrica de Alúmina-Aluminio e posteriormente coa celulosa. Ese alcalde comenta que naquela época o Concello tiña un orzamento de dous millóns de pesetas, se se instalase a central pasaría a ter máis de cen millóns. Isto era a parte boa. Cando pediu información sobre o proxecto, González púxose en contra. Ao final, os terreos onde se ía instalar a central acabounos mercando o Concello e particulares. Tamén cando chega Alúmina compensou un pouco o futuro da zona. Falamos con Emilio López, Milucho, das Comisións Labregas que tiveron un papel importante, o mesmo que todas as asociacións culturais, como por exemplo Sementeira. En total, entrevistamos quince persoas, incluído o fillo de Josefa Domínguez quen participara nas mobilizacións. O problema é que esa xente vai morrendo e por tanto é importante recoller as súas palabras para non perder a memoria histórica daquel tempo. Tamén con Carlos Nuevo, cronista de Viveiro.

-Mais a oposición non era unánime.

Xa digo, houbo quen pensou nunha total oposición por parte da xente, logo hai quen fala de persoas favorables á instalación da nuclear. Isto é un traballo xornalístico e por iso puxemos sobre a mesa todos os ángulos dun mesmo feito para que o público forme as súas propias ideas. Despois está a tranquilidade que dá ver isto desde a distancia. Houbo quen dixo arrepentirse dalgunhas cousas feitas naqueles anos. Isto resulta enriquecedor mesmo para os protagonistas, pois está claro que non se pode especular sobre “que tería pasado se…”, iso non ten sentido agora. Mais daquela a maioría da xente veu de maneira negativa o proxecto nuclear e a mobilización foi moi importante, pois mesmo foi un “nexo de unión” entre distintas correntes do nacionalismo para recolleren despois certo protagonismo. O curioso deste proxecto nuclear é ter permanecido no tempo polo menos unha década con esa posibilidade de construír unha central atómica. En León pois foron catro meses de manifestacións, xente na cadea, ordes de desterro mais ao final parou. No caso de Xove ves como cada certo tempo até comezos dos 1980s estivo pendente esa instalación.

-As novas xeracións comprenderán o que significou aquel movemento?

É que parte do traballo é iso, recoller testemuños para a xente nova. Unha pregunta á xente entrevista foi que leccións poden sacar de todo aquel movemento. A resposta foi a capacidade de mobilización e loitar por algo que consideras xusto ou inxusto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...