Boris Vilar, guía turístico da Mariña
Os achados de materiais líticos adscritos ao Paleolítico na Mariña Lucense terían lugar nos concellos de Ribadeo, Barreiros, Mondoñedo, Cervo, Alfoz, Valadouro e Ourol. Non obstante, non se pode descartar a posibilidade da presencia de máis xacementos e sábese da desaparición dun bo número deles pola man do home. A maior parte dos mesmos aparecerían tralas investigacións que se levaron a cabo na zona principalmente a partir da segunda metade do século XX, e que nalgúns casos terían continuidade tamén no século XXI.
Daqueles primeiros homínidos presentes na Mariña chegan aos nosos días distintos útiles de pedra lascada como os bifaces, raedeiras e perforadores, en xeral ferramentas para múltiples propósitos como a caza ou traballar a pel e a madeira. Feitos de materiais duradeiros como a cuarcita, mantivéronse soterrados por centos de miles de anos para permitirnos na actualidade, atendendo a parámetros como a súa cantidade e dispersión, facernos á idea de como vivían aqueles grupos baseados na caza e recolección que serían os primeiros en pisar este territorio; que se ben sería moi distinto a o que coñecemos, non deixa de ser parte do pasado do lugar.
Poñendoo en contexto, poderíase dicir que as primeiras investigacións sobre a prehistoria en Galicia levaríaas a cabo José Villa-Amil y Castro a finais do século XIX, e supuñan aínda unha temática controvertida, cuns métodos por aquel entón arcaicos se os comparamos cos actuais. Un dos primeiros autores galegos en tratar o tema sería Manuel Murguía, continuando xa na primeira metade do século XX Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Xosé M.ª Álvarez Blázquez e Manuel Vázquez Seijas entre outros. Esta labor sería ampliada na segunda metade do século XX e xa no XXI por investigadores como José Ramil Soneira, organismos como o Instituto de Estudos Miñoráns, grupos de espeleoloxía e equipos de arqueólogos e prehistoriadores que co seu traballo, nos permiten a día de hoxe coñecer mellor como era Galicia naquel pasado tan remoto.
A distribución das áreas con xacementos adscritos ao Paleolítico en Galicia ocupan un amplo rango de períodos, os máis antigos, do Paleolítico inferior, con datacións de ata 500.000 anos podemos atopalos ao longo do tramo final do Miño; amosando a preferencia destes grupos polos amplos vales fluviais. Xacementos como o de Camposancos (A Guarda), As Gándaras de Budiño (O Porriño), Portomaior (As Neves) ademais de moitos outros na contorna permitiron coñecer información moi interesante das particularidades deste período, como é o achado do depósito de machadas de gran tamaño meirande de Europa. Ao longo de todo o curso medio e alto do Río Miño, sairían a luz multitude de xacementos de gran importancia. O nacemento do mesmo ten lugar na Serra de Meira, e a non moita distancia ao sur, nace outro curso fluvial tamén de enorme relevancia para A Mariña, o Río Eo. Á súa desembocadura en Ribadeo, na parroquia de Vilaselán, atópase o xacemento de Louselas, cun bo grado de semellanzas cos que acabamos de falar no sur de Galicia, cunha industria lítica circunscrita ao acheulense. Segundo Ramil Soneira na súa obra póstuma publicada polo seu fillo e prehistoriador Ramil Rego Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica sitúan a antigüidade dos vestixios atopados en 450.000 anos.
Outra área de interese compóñena as serras do leste e sur de Lugo (O Courel e Os Ancares principalmente), cuxas características xeolóxicas permiten a formación de covas nas que se atoparían unha ampla variedade de mostras (non só útiles líticos, senón tamén restos óseos), constatándose distintos momentos de ocupación que nalgúns casos van dende o Paleolítico medio ao Paleolítico superior. Algunhas das máis relevantes son a Cova do Uro (Folgoso do Courel), a Cova de Eirós (Triacastela), a Cova de Valdabraira (Pedrafita do Cebreiro), a Cova de Valdavara (Becerreá), e anque xa a certa distancia ao noroeste das serras principais, poderíase integrar aquí a Cova da Valiña (Castroverde); na mesma aparecerían, ademais da industria lítica, numerosos restos dunha fauna ben diferente a actual, entre os que se atoparían osos de hiena, de bisonte, de oso e inclusive de rinoceronte de Merck. Seguindo uns quilómetros cara o norte chegaríamos a Mondoñedo, que sen dúbida destaca polas súas covas, non só a ben coñecida Cova do Rei Cintolo, senón tamén a Cova dos Ladróns ou a Furada dos Cans na que se atoparían semellanzas coa industria lítica da Cova da Valiña.
Unha terceira área sitúase na Terra Chá, comarca ben estudada dende os anos 60 por José Ramil, onde se atoparon numerosos xacementos con útiles líticos circunscritos ao Paleolítico superior como Pena Grande de Férvedes (Xermade), Pena Grande (Vilalba), Abrigo do Inferno (Muras) ou Valdeinferno (Abadín) entre outros, os mesmos amosan a preferencia neste período polos abrigos naturais de pedra, feito que podería ser resposta aos cambios climáticos que se producen ao longo do Plistoceno. Estes xacementos atopan certa continuidade a través da Serra do Xistral noutros da Mariña como o de Chan da Cruz (O Valadouro), Cadramón (Alfoz), e inclusive, anque circunscrito ao Mesolítico, o de Xestido (Ourol).
Anque este tipo de patrimonio non soe espertar tanto interese como outro máis recente no tempo (se cadra por non ser tan vistoso ou ben por no saber ver o seu valor real), faríamos ben en non pasar por alto que o Paleolítico supón a escala cronolóxica un 99% do tempo no que hai presenza humana constatada nestas terras. As pezas recollidas atópanse a bo resgardo en museos ao longo de Galicia. Os xacementos que non foron arrasados por obras de diversa índole, segundo din os que saben, é preciso mantelos como están, a espera de futuras campañas que nos aporten máis información sobre o tema. Agora ben, os lugares polos que pasaron e nos que pararon aqueles que se ben dun xeito maxicamente rústico, definitivamente eficiente, deron forma ás pedras para manter tanto tempo un modo de vida seguen aí. A sorte dos nosos días é que con certa perspectiva, podemos gozar do máis remoto pasado nun espazo inmellorable como é A Mariña. Pasear pola beira dos ríos, avistar as penas que daban acubillo e dar forma no imaxinario de cada un ás historias acontecidas a aqueles antergos supón unha forma moi evocadora de percorrer algúns espazos que doutro xeito pasarían inadvertidos para a maioría. Facendo mención dalgúns lugares onde se atoparon útiles líticos na Mariña, quédanos pendente dar un paseo por Vilaselán, Benquerencia, Arealonga, A Pampillosa, Nois, Pedroso, Trasbar, A Senra, Miñotos, O Cabalar, O Cadramón, Argomoso, Masma ou Vilamor.