InicioCulturaIsabel Morán: "chama a atención o uso de 'castellanismos' na lingua falada...

Isabel Morán: “chama a atención o uso de ‘castellanismos’ na lingua falada nos mozos e mozas caboverdianos”

Isabel Morán (Mondoñedo) é profesora no Grao de Linguas Modernas na USC dentro da Mención de Lingua Portuguesa. Madriña na promoción de 2023, sabedora de que entre o seu alumnado había un estudante burelés de orixe caboverdiana, fixo unha mención especial aos nexos lingüísticos entre a lusofonía e Galicia. Desde o seu punto de vista como profesora, considera que os "castellanismos" usados entre a xente máis nova da comunidade inmigrante caboverdiana é unha maneira de acelerar a súa integración na comunidade de acollida.

Publicada o

- Advertisement -

-Vostede é profesora dentro do Grao de Linguas Modernas, non é así?

Son profesora na Mención de Portugués onde traballo en materias relacionadas coa literatura, sobre todo literatura portuguesa desde os comezos na Idade Media e en Literaturas Comparadas na Lusofonía. Nesta materia o que pretendemos é unha facer unha análise da literatura portuguesa europea, a brasileira e as literaturas africanas en portugués, as literaturas PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa) e dentro deses países está Cabo Verde.

-Encóntrase con alumnado de países lusófonos dentro das materias que imparte?

Ás veces si, e concretamente na graduación de 2023, temos un rapaz de Cabo Verde que vive en Burela, un portugués, de Porto e por último tivemos unha brasileira. Os restantes son todos e todas galegas.

-Tendo un alumno caboverdiano residente en Burela, quixo profundar algo máis na relación lingüística que mantén este alumno dentro da súa vida cotiá: galego, portugués e creoulo caboverdiano?

Ben, sendo eu da Mariña xa tiña coñecemento da existencia dunha comunidade importante caboverdiana en Burela e tamén sabía das súas actividades culturais, lembro agora as realizadas dentro do campo da música. Ao mesmo tempo, a maioría dos meus colegas ao estudar a relación entre Galicia e a lusofonía, tiñan coñecemento da existencia desta comunidade e, desde logo, é unha felicidade termos esta diversidade para intercambio de ideas, sobre todo desde o punto de vista lingüístico comparativo e contrastivo. No caso do estudante caboverdiano, que chegou na adolescencia a Galicia, supón coñecer unha visión do país desde o punto de vista dun inmigrante. No ámbito do Grao de Linguas e Literaturas modernas, na Mención en Portugués, hai profesores especializados, entre eles unha profesora especialista en literaturas africanas en lingua portuguesa, Elisa Rodríguez Prado. Logo temos outros dous profesores que con certa asiduidade se dedican a estudar a literatura de Mozambique, Elias Feijoo, e sobre o creoulo caboverdiano, temos un profesor, José Luis Forneiro, que estudou esta lingua. Por tanto, sempre que se fala da literatura de Cabo Verde sempre se ten en conta o creoulo, mesmo atendendo ao aspecto musical.

-Desde o punto de vista lingüístico, que elementos lle chamaron a atención escoitando falar ao estudantado procedente de países lusófonos se o compara co galego?

Sobre todo a aparición dos “castellanismos” xa introducidos no galego que se introducen na lingua falada nestes alumnos cando xa levan aquí un tempo. Ás veces, para unha maior integración acaban por adoptar “castellanismos”, unha mágoa, mais inclúen estas palabras para unha integración lingüística maior. Son “castellanismos” en xeral, algún tenme chamado a atención o uso de “chico” ou “chica” en lugar de rapaz ou rapaza.

-Voste fai estudos da literatura portuguesa escrita desde a Idade Media. Cal é a impresión de estudantes brasileiros, africanos e, ao mellor, timorenses, cando ven a escritura medieval?

Supoño que, polo menos para os caboverdianos, a Idade Media é un exotismo, pois se falamos de literatura caboverdiana é unha literatura do século XX. Por outra parte, supoño que haberá un certo factor sorpresa para os africanos e nos brasileiros, sobre todo cando teñen o seu primeiro contacto. Creo que isto se produce aínda máis cando ven certas grafías que lles chama a atención. No caso dos portugueses, cando veñen estudar aquí, esa lingua medieval é máis comprendida polos mesmos galegos do que polos portugueses, pois aquí conservamos termos que en Portugal xa desapareceron ou presentan diferenzas léxicas e morfolóxicas. Para nós, a maior parte das veces, é máis doado ler autores do século XV ou do XIII para nós que para os portugueses e eles quedan sorprendidos ante a nosa comprensión deses textos. Hai palabras que para eles se substituíron ou sufriron cambios.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...