InicioCulturaAntonio Meilán: "Pardo de Cela ofrecera grandes sumas de diñeiro pola súa...

Antonio Meilán: “Pardo de Cela ofrecera grandes sumas de diñeiro pola súa vida, mais non foron aceptadas”

Antonio Meilán (Mondoñedo) é doutor en Filoloxia Española na Universidade de Oviedo. Xunto a isto, ten unha enorme paixón pola figura de Pedro Pardo de Cela, paixón que o levou a percorrer toda a comarca da Mariña buscando os diferentes lugares polos que decorreu a vida deste nobre galego. Así, pouco a pouco foi construíndo os motivos, as desavinzas e as traizóns que levaron á morte de Pardo de Cela.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é a túa relación coa Mariña, porque profesionalmente desenvolviches a túa carreira profesional en Asturias?

Eu vivo en Oviedo e dei aulas na súa Universidade, na Facultade de Filología, en concreto no departamento de Lengua Española. Aí me doutorei, aínda que comecei a carreira en Santiago mais rematei a carreira en Oviedo. Fixen a miña tesiña sobre o galego de Asturias que me abriu as portas para entrar na universidade. Estaba no tribunal Alarcos Llorach, tamén membro da RAE, e finalmente gustoulle moito o traballo no seu momento e cando tivo oportunidade ofreceume unha praza de axudante, entrei no Departamento e aí me doutorei. A partir de aí fun profesor titular, fixen oposición no seu momento a catedrático da Escola Universitaria aquí en Magisterio, mais todo desde o Departamento de Lingua Española. O meu desenvolvemento, o meu currículo, foi fundamentalmente de lingua española, concretamente de Gramática, Sintaxe e Morfoloxía. Coa Mariña lígame que nacín en Mondoñedo, estiven no seminario diocesano de Mondoñedo sete anos. Ingresei en 1960 con dez anos no seminario en Lourenzá, fixen alí os dous primeiros anos e logo pasei a Mondoñedo onde estiven cinco anos até o 1967. con dezasete anos marchei para Santiago onde comecei Filosofía e Letras e de aí cambiei para Oviedo.

-Por que fixeches ese cambio?

En Santiago na facultade de Filoloxía, primeiro curso era selectivo. Eu aprobara todas menos Xeografía, suspendina e atrancóuseme, non puiden con ela. Despois diso pedín o traslado para Salamanca, Valladolid e Oviedo. Ao final déronme Oviedo e a partir de aí foi todo moi ben, aínda que lle tiña medo a Xeografía. Á parte, nacín na nosa casa familiar, a mesma onde viviu Leiras Pulpeiro unha tempada cos seus pais até que Leiras casou. Iso marcoume, pois teño varios traballos sobre Leiras Pulpeiro. Ademais, a miña casa de nacemento está a escasos cen metros de onde lle cortaron a cabeza a Pardo de Cela e o fillo.

-De aí naceu o teu interese polo mariscal.

Si e así comecei a investigar sobre a súa figura, por que lle cortaran a cabeza a el e ao fillo e en 1964 lin o libro de Mayán Fernández sobre Pardo de Cela e así foi como me fun informando ademais de ler tamén todo o que ten Eduardo Lence sobre O Mariscal. En 2003 púxose en contacto comigo Suso Fernández (Suso do Bahía) e así foi como empresarios da Mariña publicaron o meu libro sobre Pardo de Cela e de aí seguiron chamándome para abordar esta figura.

-Contabas que a túa tesiña trataba do galego na zona Eo-Navia. Cales foron os grandes trazos que observaches nesa variante do galego?

Esta faixa Navia-Eo ten continuidade por Ribeira de Piquín e toda esa área, o chamado galego exterior, sobre o que ten un traballo moi bo Dámaso Alonso. Respecto do que me chamou a atención cando eu xa estuadaba en Oviedo, tiña compañeiros desa área, Castropol, Navia ou As Figueiras. Algo que chamaba a atención eran as terminacións en “-in”, “nenín” en lugar de “neniño”. Este galego exterior conserva palabras que eu, por exemplo, nunca oíra en Mondoñedo. Iso foi o que me chamou a atención e animou a realizar a tesiña.

-Volvendo a Pardo de Cela, hai quen fala del como unha caste de comisario ou vixilante dos señores de Andrade?

Xa dixen que o meu interese viña de querer coñecer os motivos da súa morte. Sabemos que os tres últimos días da súa vida estivo preso nunha estancia propiedade dun coengo que levaba as contas da diócese, Fernán Valea. O 1 de outubro de 1483 Pardo de Cela asina o seu testamento e o día 3 fai un “codicilo”, un conxunto de pensamentos e vontades non que non apuntara no testamento. Asinado o documento sae xunto co fillo á praza de Mondoñedo onde son degolados. Hai un cronista real apuntando que a familia Pardo de Cela ofreceran grandes cantidades de diñeiro a Fernando de Acuña, o enviado polos Reis Católicos a Galicia, mais Acuña rexeitou o diñeiro.

-Quen era Fernando de Acuña e que supoñía de perigoso Pardo de Cela para el?

Un home moi achegado aos Reis Católicos, unha das súas irmás estaba casada un Pérez de Viveiro. María de Acuña foi a madriña de vodas dos Reis Católicos que casaran case en secreto na casa que os Pérez de Viveiro tiñan en Valladolid e que aínda se conserva. Logo, en 1474 Enrique IV destitúe a Pérez de Viveiro como alcalde da vila polo apoio desta familia a Isabel de Castela fronte a Juana La Beltraneja. Pardo de Cela é nomeado alcalde de Viveiro e aí comeza a haber desavinzas moi fortes entre o primeiro e os Pérez de Viveiro. Coa chegada dos Reis Católicos, nomean gobernador e xustiza maior de Galicia a Fernando de Acuña. Este último vén directamente por Pardo de Cela, quen tiña prohibida a entrada en Mondoñedo, Santa Marta e Viveiro. Pardo de Cela pasa a vivir na torre da Rigueira de Ferrol (actual parroquia da Rigueira en Xove), abandonando o pazo da Casa do Carballo en Galdo (Viveiro). Cando chegan os representantes dos Reis Católicos, o Mariscal faise forte na Frouseira até a primavera de 1483. En Ferreira do Valadouro aínda se fala dos “mártires da Frouseira”, e non é en van.

-Ao mesmo tempo, Pardo de Cela non era unha sorte de servidor dos señores de Andrade?

A casa dos Cela, o pai e el mesmo, foron escudeiros dos Andrade. En 1450 Pardo de Cela chega a ser Gran Señor, nomeado Mariscal por Enrique IV, e as vodas das fillas emparéntano co máis rico do feudalismo galego, os Baamonde, os Ribadeneira ou os Saavedra. Ao final chega a ter un grande patrimonio en Viveiro, dúas casas foron para o seu secretario quen asinara un testamento falso obrigado polo bispo de Mondoñedo imitando a sinatura de Pardo de Cela. Ao final houbo un xuízo que presenta unha neta maior de Baamonde e Cela por unhas terras que lle roubaran os curas. En 1478 Alonso Pérez de Viveiro tivo desavinzas con Pardo de Cela, cousa que foi a súa perdición. Cos Andrade ocorre que cando o seu escudeiro se ve como gran señor, emparentado mesmo co conde de Lemos, así foi como lles presentou cadra aos Andrade. Todo isto pode demostrar que Pardo de Cela era moi ambicioso.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...