-Luis Dopico Geada foi membro do Seminario de Estudos Terras de Viveiro. Con todo, quen era Luis e cal é a aportación que deixou sobre a historia e etnografía de Viveiro e outros lugares?
Luis Dopico foi membro do Seminario hai moitos anos, arredor dos 90s, xunto con Carlos Nuevo e outros compañeiros e compañeiras. Luis era un autodidacta, estudara até o bacharelato, mais era sobre todo un autodidacta a quen lle gustaba moito a etnografía, as tradicións e por iso falaba con toda a xente maior e tomaba nota de canto lle dicían. No libro sae parte do traballo poético que ten, mais sobre todo é etnografía. Neste libro aparece un 10% de toda a obra feita por el, pois o demais está todo en cartafol, notas, cadernos e cunha letra ás veces difícil de interpretar por ser moi pequena e miúda. Con todo, insisto en que tiña moitos estudos etnográficos da zona da Mariña. Isto faíao falando moito coas persoas maiores que lle transmitían cantigas, lendas e historias. Así pois, o libro Cae a Noite, está dividido en dúas partes. A primeira é unha recompilación poética. Son poemas escritos na década dos 90s cando tivo unha moza navarra, escribíalle en galego e enviáballas traducidas ao castelán. Todas estas poesías enviábamas a min para que eu llas mecanografase e todas esas poesías nunca se publicaron, só tres ou catro nunha revista que tiñamos en Ortigueira, eu vivía alí daquela. O día do seu enterro eu quería que se lese un dos seus poemas pois ninguén sabía nada desta parte del porque era moi reservado. Entón, a miña irmá máis eu decidimos que estes poemas deberan ser publicados por seren moi fermosos. Os temas destes versos eran o amor, a natureza e do entorno de Landrove, da praia de Covas e do Monte Castelo.
-Como organizastes a recompilación dos textos e a publicación dos mesmos?
Cando recollemos todas aquelas poesías foi cando decidimos publicalas e para iso púxenme a transcribilas no computador e quixemos regalarlle o libro aos veciños. Cando o presentamos en Landrove o domingo 9 de xullo foi de regalo para todas as persoas presentes no acto de presentación. Mesmo lles regalamos libros a veciños e veciñas que non puideron asistir.
-Dentro desa paixón pola etnografía, cales eran os temas que máis o atraían sobre todo cando interaccionaba coas persoas maiores?
Tomar nota de todo, desde as romarías, das festas, dos refráns ou dos ditos. Dentro dos temas que recollemos para o libro de etnografía ten un traballo sobre o cuco. Quixemos ilustrar este traballo con fotos e un fotógrafo amigo meu dixo “é imposible encontrar ou ver un cuco hoxe en día o mesmo que un ouriol”. Tamén ten un traballo sobre o golpe ou raposo, con lendas e ditos arredor deste animal na Mariña. O cuco, o ouriol, o rei-rei e todos este animaliños que agora non podes ver, o amigo fotógrafo que ademais é debuxante, fixo os deseños do cuco, dun ouriol e dun rei-rei, pois por iso precisamente, por que é difícil fotografalos. Tamén ten outro traballo sobre os amilladoiros de San Andrés de Teixido, os lugares onde se deixaban pedras logo de acabar un percorrido. Os peregrinos a San Andrés de Teixido portaban unha pedra que collían no camiño e antes de chegar á igrexa botaban esa pedra nun lugar onde xa había moitas máis acumuladas. Agora xa case non quedan, mais en relación aos amilladoiros existe a lenda de que cando acabe o mundo, as pedras falarán. Por iso Luis fixo un traballo sobre estes amilladoiros e buscou un paralelismo con outras tradicións crisitiás de deixar unha pedra antes do santuario.
-Que outras figuras populares abordou nos seus traballos?
Os cruceiros, gustábanlle moito. Ten un traballo moi bonito sobre o Cruceiro da Pontevella de Viveiro, xunto á nosa casa, tamén sobre outro que hai ao pé da igrexa. Por outra parte das festas populares de Landrove tamén ten un gran traballo e das romaxes.
-Todo ese traballo non veu a luz até o de agora?
Escribira algo no “Heraldo de Viveiro” a onde mandara dous ou tres traballos. O do cuco está no “Heraldo” e había dous máis nunha revista que se editara en Viveiro chamada “Viveiro en Vivo”, e detrás dela estaban Carlos Nuevo Cal, Mar, que era unha xornalista e o editor de Gráficas Lar. Só se fixeran dous números. Nun deses exemplares publicara un traballo sobre como se celebraban as festas do Nadal antigamente, o calendario litúrxico e como se comía naqueles tempos, os aguinaldos, as cantigas dos nenos e ademais, recolleu datos en Ourol e Cervo.
-Toda esa tarefa autodidacta aínda así, necesitaría unha formación previa.
Tiña motísimos libros, pois era o seu único vicio, mercar libros de etnografía e tradicións, e ao final doamos todos eses libros ao Seminario Terras de Viveiro. Non sei cantos serían, mil ao mellor. Tamén había cen teses doutorais relacionadas coa etnografía e que el imprimía, algunhas eran volumes moi densos. El lía esas teses e de aí sacaba as súas conclusións, falaba sobre eses temas e despois el elaboraba a súa propia versión.
-Como era a súa poesía?
Ninguén sabía da existencia dun Luis poeta, só algúns da familia. As temáticas eran o amor e sobre a natureza. Estas últimas deixaban ver os seus coñecementos sobre a natureza. Así, cando elaboraba un poema facía unha historia, non había filosofía nin reviravoltas, non, eran historias coma quen che conta un conto.
-Como foi o proceso de recollida e selección de traballos para editar?
Debemos ter en contra outra cousa, Luis á parte de recoller datos, tamén facía fotos. Por exemplo, se facía un traballo sobre a Romaría do Monte Castelo pois ía até o monte facendo fotos da capela, dos romeiros, das pozas de auga milagrosa e todas esas fotos foinas conservando. Por iso o libro leva na portada unha foto da nosa casa feita por el. Logo, a selección de textos e demais fíxena eu por terlle pasado todo a máquina. Todo aquel material apareceu na casa dentro dun cartafol e desa maneira fun escollendo aquilo que me atraía máis.
-Co resto do material vaise facer outra recompilación ou traballos arredor da figura de Luis Dopico?
Algo así levaría moito tempo e os cartafois están todos no Seminario Terras de Viveiro. O certo é que será un traballo enorme escoller, apartar, mirar ou estudar todo o que hai alí. Todo canto gardou está ordenado ao chou, así pois, de momento temos este libro e sobre outro traballo, de momento imos esperar. Desde o Seminario, Carlos Nuevo vaise preocupar el tamén de ver o que haxa de interesante e a publicación pode ser nunha revista mais en libro penso que xa non.