InicioCulturaEdmond Baudoin: "O meu traballo é un regalo para todas as persoas...

Edmond Baudoin: “O meu traballo é un regalo para todas as persoas que se achegan”

Edmond Baudoin é un dos grandes do cómic e novela gráfica en Francia. As súas obras están traducidas a numerosos idiomas e conta cun currículo que inclúe ser profesor de arte nalgunhas universidades. Despois do seu paso pola Semana Negra de Gijón, o 18 de xullo de 2023 estivo na Escola de Arroxo-Biblioteca Maravilhas para deixar uns murais nas paredes exteriores da Escola. Esta é unha pequena conversa cun grande do cómic internacional que pisou brevemente A Mariña.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi o motivo da súa visita á Biblioteca de Arroxo e que veu de interesante no espazo Biblioteca Maravilhas, neste proxecto?

O máis interesante deste proxecto é que a cultura poda chegar a lugares coma este, tan pequeño, e que a cultura non é só para as grandes cidades, tamén é para os pequenos espazos e os seus habitantes. Isto último considero que é moi importante.

-En que consiste a súa participación na Escola de Arroxo-Biblioteca Maravilhas?

Estou pintando uns paxaros na parede exterior da Biblioteca. É como un espectáculo para os nenos pois creo que lles resultará interesante ver como se pinta a parede deste lugar perto de onde viven algúns deles.

-Na súa obra, parece como se tivese unha atracción cara os paxaros.

Si, é certo. Sinto unha atracción polos paxaros e pola relación dos máis pequenos coa cultura do mundo rural.

-Vostede comezou a traballar profesionalmente no cómic e a novela gráfica en 1971. Foi un camiño difícil de percorrer até que se consolidou a súa posición actual como artísta gráfico?

Si, comecei en 1971 e, efectivamente, pasei un tempo longo vivindo entre certos límites cando iniciei o meu percorrido pola banda deseñada. Mais o que importa é ir evolucionando no teu traballo e centrándote nel a pesar das dificultades. O importante neste caso é progresar no teu estilo de deseño para que te recoñezan como o autor dese cómic, desa novela gráfica. Ese momento é como un festival de formas e cores dentro da túa cabeza. É como cando se pon unha cenoria diante dun animal e vai camiñando detrás para ver se consegue comela. Os progresos que eu conseguía eran a miña cenoria, quería ir máis alá, aínda que avanzar supón custos.

-Diría que a súa carreira pasou por diferentes fases e como describiría ou definiría esas fases?

Pouco a pouco, despois de moitos anos de esforzo, os editores van valorando o teu traballo, o teu progreso nas ideas e así tamén podes ir progresando dentro da túa vida como artista. Todos eses anos aprendendo e traballando e que logo che acepten os teus traballos, fanche ter a responsabilidade de realizar un libro para a xente do teu redor e mostrarlles como ves eu a vida, como a sentes ou as diferentes maneiras de como me relaciono coa alegría e coa tristeza. O meu traballo é un regalo para todas as persoas que se achegan a el.

-Logo, as ideas que plasma nos seus deseños son unha maneira de querer interactuar co público.

Si, busco esa interacción, por exemplo, cos lectores que me escriben e permiten poder avanzarmos xuntos dunha maneira especial.

-Ten dous traballos, Arlerí e Salada de Niza, son pezas moi persoais, mentres que Piero parece máis autobiográfico?

Si, este último é máis autobiográfico porque eu pertenzo ao mundo reflectido neses deseños. A xente que me arrodea son o mundo onde me mergullo, o mar onde nado. Non son un artista que sobe unha montaña para quedar alí, son un artista que vive na rúa e está en movemento co mundo. Para min todas as persoas que se moven pola rúa son os meus irmáns e irmás. Todas esas persoas se expresan e aparecen a través da miña man termando do lapis sobre o papel.

-O libro A viaxe, mostra o desexo de moitas persoas de fuxir do mundo rutineiro en que viven e buscar un espazo onde sentirse máis “humanos”, é así?

A Viaxe non é unha obra totalmente autobiográfica, iso desde logo, mais mostra como me sentía eu cando traballaba de contable, un posto que exercín até os trinta anos. A esa idade fuxín dese posto para materializar o meu soño de neno, deseñar, debuxar. O protagonista de A Viaxe só ten unha pequena parte de min. Curiosamente, este cómic foi editado primeiro en Xapón antes que en Francia ou España.

-Hai unha serie de títulos seus relacionados con América Latina. Cal foi a motivación detrás de obras como Viva la Vida, El Sabor de la Tierra y Los Hijos de Sitting Bull?

Viva la Vida e El Sabor de la Tierra son reflexións sobre a existencia das fronteiras. O primeiro título está relacionado coa fronteira entre México e EE.UU. El Sabor de la Tierra, versa sobre a fronteira interior que se creou dentro de Colombia e o problema das persoas desprazadas en América Latina. Sobre Los Hijos de Sitting Bull é sobre o meu avó e o meu irmán, non ten nada que ver con historias de “cowboys”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...