-Como naceu a idea de crear o estudo de tatuaxes en Ribadeo?
A cousa naceu por que o meu marido, Bailey, xa era tatuador en Cuba, que é o seu país de orixe, e onde tiña o seu estudo xa montado. Foi alí onde nos coñecimos e eu son de aquí da zona, vivín en Foz toda a vida. Entón, cando viñemos vivir para aquí os dous, decidimos montar un negocio arredor da tatuaxe. De todas as áreas que miramos para montar o negocio, decidímonos por Ribadeo pois é un lugar que está entre Galicia e Asturias, cousa que trae movemento de persoas dun e doutro lado. Vimos que era un bo lugar para establecernos e en 2021 abrimos as portas do noso proxecto.
-Xa había locais ou estudos de tatuaxes en Ribadeo cando vós abristes?
A pé de rúa un local comercial, non. Houbera un que pechara durante a pandemia, mais si hai outros tatuadores exercendo o seu labor nas súas casas en lugares acondicionados para tatuar. Con todo, salvo o estudo que pechou, somos os primeiros en abrir un local en sentido comercial para este traballo.
-Cal é o tipo de público que vai ao voso estudo?
Non hai un perfil definido, vén todo tipo de xente. O certo é que para os piercings a maioría son adolescentes ou menores, para as tatuaxes o perfil é de xente de trinta anos para arriba. Non é moi común facer tatuaxes en menores de vinte ou adolescentes, iso dase máis en persoas adultas. Quen pide unha tatuaxe son persoas con certa estabilidade económica e coas ideas xa máis claras.
-A xente nova ten menos medo a tatuarse?
A xente nova tira máis aos piercings, quizais polo consentimento paterno. É máis doado que os pais deixen poñer un piercing ca unha tatuaxe. O primeiro pode quitarse e poñerse, o segundo é permanente.
-Dentro das tatuaxes, hai temáticas máis solicitadas ca outras polas persoas que acoden ao voso estudo?
As maiores demandas son tatuaxes persoais, deseños con ideas propias da persoa. Son tatuaxes cun significado especial, poden ser nomes ou deseños con significado especial para esa persoa. Despois temos moita demanda de realismo, retratos, mais sobre todo son deseños con moito significado persoal e tamén deseños minimalistas.
-Que son as tatuaxes minimalistas?
Con pouca carga, moi liñais e simples. Son tatuaxes elegantes, finos e discretos cun tamaño de 8 ou 9 centímetros aproximadamente.
-Hai colectivos que se tatúen máis ca outros?
Non, a nosa persoa habitual vai desde a ama de casa como traballadores, persoas de todo tipo. Xa non hai perfís determinados ou moi concretos. Os etereótipos sobre a tatuaxe xa romperon hai tempo e agora calquera pode pedir un deseño. Non hai perfís destacados.
-Existen cambios en tendencias dentro da tatuaxe?
Si, hai varias modas. Houbo moitas cobras ou serpes mais agora, xa digo, hai demanda de tatuaxes minimalistas. Ao mellor en vez de pedir facer unha “manga” piden facer tatuaxes máis simples e pequenos nun mesmo brazo. Estas son as últimas demandas que temos.
-Traballades moito con cores?
Aquí pídennos máis branco e negro, é parte da nosa especialidade. Tamén traballamos coas cores mais non hai tanta demanda.
-Hai pouco recibistes a visita do francés Anthony Loffredo, coñecido como Black Alien, o home máis modificado do mundo. Como conseguistes traelo?
Puxéronse en contacto con nós porque ían estar pola zona, e así, dos estudos que miraron encontraron o noso anunciado nas redes e en Google. Faláranlles ben de nós, pareceunos ben colaborar xuntos e acordamos que si. Quedamos moi contentos e esperamos que volva durante este ano por outras datas para novas colaboracións.
-Contouvos por que quixo ser o home máis tatuado do mundo?
Iso forma parte da súa concepción da vida, da súa identidade. Tamén como expresión artística, unha vía de expresarse a través do seu corpo. Agora vai abrir unha galería de arte pois está vinculado ao mundo artístico, tanto da tatuaxe co seu estilo como da pintura. Para el é unha maneira de expresarse artisticamente e unha vía de autocoñecemento e autoidentidade ademais de ser unha vía para a liberdade de expresión.