InicioCulturaA Mariña, zona de combate na II Guerra Mundial

A Mariña, zona de combate na II Guerra Mundial

O xornalista e investigador Xavier Rivera, lembrou que "desde o punto de vista estritamente militar hai que lembrar as batallas aéreas e navais na Mariña Occidental e na zona do Cabo Ortegal".

Publicada o

- Advertisement -

As xornadas de historia de Foz continúan o mércores 2 de agosto as 20:30 cunha palestra de Xavier Rivera, que se achegará a II Guerra Mundial da Mariña. Rivera, xornalista de profesión, recuperara diversas batallas navais que se libraron fronte costa da Mariña entre 1942 e 1945 entre as forzas aliadas e os exércitos da Alemaña nazi. Asemade, dará conta das accións de comando desenvoltas polos aliados na Mariña, das redes de espionaxe a favor dos nazis e dos aliados.

Rivera é un colaborador de longa data das  xornadas de historia. Neste sentido, ten elaborado investigacións de diversos temas, como a pesca da balea da Mariña, volvendo coa palestra sobre a II Guerra Mundial a un tema no que ten traballado e publicado diversos estudos. Neste sentido, son coñecidas as súas investigacións sobre algúns capítulos deste conflito, como o acontecido co pesqueiro de San Cibrao, ‘Mascote’.

Rivera lembra que ” desde o punto de vista estritamente militar hai que lembrar as batallas aéreas e navais na Mariña Occidental e na zona do Cabo Ortegal. Os submarinos U-Boat, chamados os lobos do almirante Doentiz, mantiveron frecuentes combates cos avións Liberator británicos na batalla do Atlántico de 1943. Un dos enfrontamentos máis lembrados comezou á altura de San Cibrao e rematou co submarino U-966, afundido en Bares”.

Os combates fronte as costas da Mariña foron habituais durante todo o conflito. Así, Rivera, lembra, entre outros, a batalla que se desenvolveu entre tres avións alemáns e un destrutor aliado o 29 de decembro de 1943. Neste caso, os avións bombardearon a altura do porto de Ribadeo ao buque británico, que puxo rumbo a Foz e posteriormente a Burela, perseguido pola aviación nazi, logrando posteriormente fuxir do asedio. O combate sentiuse en Ribadeo e Foz, onde romperon os cristais de moitas vivendas.

A palestra servirá para botar luz sobre as redes de espionaxe ao servizo dos nazis ou dos aliados que operaron no norte lucense. A este respecto, unha destes redes, en contacto co consulado británico de Ribadeo, tiña a misión de controlar o tráfico marítimo entre a zona de Ferrol e A Mariña. O grupo de espías a  favor dos aliados estaba conformado por socialistas mariñáns, sendo o seu responsábel, José Paz Vázquez, naquela altura secretario do PSOE na Galiza e co paso do tempo alcalde de Foz entre 1983 e 1987.

Unha das infraestruturas chave no operativo militar nazi eran as tres xigantescas torres de telecomunicacións na Terra Chá, coñecidas como as Torres de Hitler. Porén, a principal novidade que se abordará nesta palestra, foi unha instalación que se mantivo en segredo, a unidade de radiotelegrafía de Outeiro de Rei, ao servizo da Alemaña nazi.

Rivera achegarase a un dos feitos con máis impacto do conflito na Mariña, o afundimento de pesqueiros, como o ‘Mascote’ de San Cibrao,  por parte da flota británica ante a sospeita de que puideran estar recollendo datos sobre o emprazamento de buques de guerra da Royal Navy. Neste caso, a operación rematou con final feliz unha vez rematada a II Guerra Mundial.

A palestra servirá, tamén, para facer un percorrido polas instalacións militares levantadas na zona durante a II Guerra Mundial, para impedir un suposto desembarco aliado para derrocar o réxime de Franco. Un destes cuarteis estivo emprazado no monte da Granda, na Corredoira, no concello de Foz.

As xornadas féchanse o xoves 4 as 20:30 cunha palestra sobre os motíns e as revoltas na Mariña do século XIX. Neste caso, a relatora é a doutora en Historia e profesora da Universidade de Compostela, Alba Díaz Geada. Díaz Geada, atesoura unha longa traxectoria como investigadora, con diversos traballos referidos, particularmente, ao período contemporáneo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...