InicioCulturaFarruco Graña: "Na resistencia contra os nazis tamén houbo veciños nosos"

Farruco Graña: “Na resistencia contra os nazis tamén houbo veciños nosos”

A Oficina de Turismo de Ribadeo abriu as súas portas a unha exposición sobre os "Deportados da Mariña Luguesa e do Occidente Asturiano aos campos de concentración nazis". Falamos con Farruco Graña, presidente da Agrupación Cultural Francisco Lanza, asociación que trouxo até Ribadeo esta exposición e incluíu nela catro paneis sobre as catro persoas da Mariña que estiveron nos campos de concentración na II Guerra Mundial. Un era veciño de Trabada e os outros tres de Viveiro.

Publicada o

- Advertisement -

-Como naceu a idea de traer unha exposición onde se pode consultar información sobre mariñaos que estiveron en campos de concentración nazis?

Antes de nada, debemos ter claro que a denominación dos lugares onde estiveron presos eran “campos de concentración”. Os “campos de exterminio” eran os destinados para enviar persoas xa sinaladas para acabar con elas. Ambos os dous conceptos son a mesma barbarie, aínda que había algunhas diferenzas. Sobre a exposición, direi que soubemos dela por terse realizado mostras semellantes en lugares da banda asturiana da ría como San Tirso de Abres, A Veiga e en Castropol mostrando persoas desas vilas que estiveran en campos de concentración. Algún dos integrantes da Agrupación asistiu a unha destas mostras, espertou o seu interese e propuxo traer unha exposición similar se houbese información sobre xente da Mariña. Efectivamente, había información, pois membros da Agrupación contactaron coa organización destas mostras pedindo datos sobre a existencia de xente da Mariña entre os cativos nos campos de concentración. Foi así que encontraron catro nomes de mariñaos que foran deportados. Eran persoas opostas ao golpe de estado de 1936 e ao franquismo, acabaron exiliados mais cando Francia foi ocupada polos nazis tamén foron deportados a eses campos de concentración. Xa tiñamos interese sobre o tema por si mesmo, mais unha vez que nos ofreceron a información sobre catro persoas da Mariña apostamos por seguir co proxecto. Unha das persoas que está colaborando é un profesor de Histora, Miguel Freire, quen xa nos puxera sobre aviso da posibilidade de haber algún mariñao entre as persoas deportadas. Por outra parte, tamén pensamos que era unha maneira de renderlles unha homenaxe a estas persoas deportadas.

-Coñécense os nomes destas persoas?

Os nomes dos deportados son: José Fernández Fernández (1907-A Fórnea/1968-París)
Salvador Ferro Franco (1913-Covas/1997-Grenoble), Manuel Pardo Pombar (1913-1944). Deste home sabemos que naceu na Mariña e que estivo moi vinculado a Viveiro, morreu no campo de concentración onde estaba preso. Manuel Lamelas (1900-Viveiro/1943-Mauthausen), tamén morreu no campo de concentración no que estaba preso. José Fernández Fernández era da parroquida da Fórnea, en Trabada, desenvolveu parte da súa vida profesional en Arante, por tanto, tiña contacto con xente de Ribadeo.

-Coñécense as vicisitudes que os levaron a caer presos dos nazis e logo trasladados a lugares como Mauthausen?

Simplemente opoñerse ao golpe de estado de 1936 e cando as tropas franquistas controlaron o terreo onde eles estaban, puideron fuxir cara a Francia. Estando alí parte deles participaron na loita contra os nazis mais foron capturados e é posible que mesmo o réxime franquista soubese que estaban en Francia, daquela, daría parte ás autoridades nazis para perseguilos por comunistas, anarquistas ou simplemente por ter ideas contrarias ao réxime franquista ou ao nazi.

-Realizaranse actos en apoio da memoria destas persoas ademais da exposición?

A mostra está aberta na Sala de Exposicións da Oficina de Turismo de Ribadeo e pode ser visitada en horario de apertura de dita oficina. Pódense ver catro paneis relacionados coas catro persoas que foran deportadas, tamén se pode consultar información sobre as persoas do outro lado da ría, de lugares como A Veiga, Navia e Coaña. Tamén hai uns paneis informativos relacionados coa Fundación #StolenMemory, que é o nexo común destas exposicións que buscan recuperar a memoria de todas estas persoas que foron apreixadas polos nazis ou sufriron persecución polas súas ideas durante o franquismo como do nazismo. Ademais disto, para reforzar a exposición temos dous actos, un foi o día 26 de outubro con Antonio Muñoz, historiador, Miguel Freire, historiador e Xosé Miguel Suárez, unha persoa que xa ten escrito un libro sobre as persoas do Occidente de Asturias que foran deportadas a campos de concentración. Entre os tres falarán sobre as vivencias destas persoas dentro dos campos. A exposición remata o 12 de novembro, mais o xoves nove de novembro Miguel Freire impartirá unha palestra sobre a entrada das tropas franquistas no concello de Ribadeo e a posterior represión. Isto en homenaxe ás persoas que foron reprimidas polo franquismo.

-Sábese se quedan parentes vivos destas persoas na comarca?

Esa tamén é parte da intención desta mostra, poder agrandar o coñecemento sobre estas persoas intentando contactar con familiares ou veciños que poidan ter recordos a través de vivencias que lles contaran persoas maiores da súa contorna. Iso podería botar algo máis de luz sobre as súas vidas. Supoño, tampouco sei se vai ser así exactamente, mais espero que noutros concellos da Mariña haxa entidades interesadas en levar adiante esta exposición. Desde logo, que non dubiden en poñerse en contacto con nós ou coas persoas que impartirán as palestras, pois poden dar máis datos sobre estes homes que estiveron nos campos nazis.

-Esta exposición poderá servir como unha maneira de recuperar a memoria histórica para os máis novos, e sobre todo, explicar o que foron os totalitarismos e a persecución de quen pensaba diferente?

A exposición está aberta a todo o mundo. Se algún centro educativo, ben sexa en Ribadeo ou porque, se fose o caso, se desenvolve a exposición noutros concellos mariñaos, bo sería que os distintos centros educativos aproveitando que nos seus currículos deberán falar da guerra civil española ou da II Guerra Mundial, pois poderán asistir a esta mostra na Oficina de Turismo de Ribadeo. Verán que os paneis non son moi densos nin complexos, mais si axudan a recordar que eran os campos de concentración, que finalidade tiñan e tamén que aí estiveron cidadáns da nosa contorna por circunstancias específicas. Entón, si, é unha boa ocasión para os centros educativos.

-Cales son as figuras que axudaron a ter esta exposición?

As entidades son Stolenmemory e Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, ambas as dúas moi interrelacionadas unha coa outra.

-Sabe se en Viveiro estarían interesados en acoller esta exposición, xa que tres das persoas son ou teñen relación con esa vila? Foi complicado traela a Ribadeo?

Descoñezo ese punto, mais eu animo a calquera entidade ou concello da Mariña a que soliciten acollela. Non foi complicado traela para Ribadeo, porque a vocación das organizacións que sustentan esta exposición é a de difundir, entón, a actitude é colaborativa. Desde a Agrupación Francisco Lanza achegamos catro paneis que dan información sobre os catro mariñaos. Imaxino que concellos do Occidente de Asturias aportaron datos sobre os cidadáns deportados. Logo hai uns paneis xerais da organización Stolenmemory e da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, e así entre todos, imos enriquecendo a exposición. O material, incluído o da Agrupación, está aí para difundir o papel xogado por cidadáns da Mariña no contexto da oposición franquista e da II Guerra Mundial, uns seguramente foron delatados e outros combateron directamente aos nazis. A Historia que logo vemos reflectidas en novelas ou filmes sobre a resistencia, tamén foi protagonizada por veciños nosos. Nese sentido debemos sentirnos orgullosos e dar a coñecer esa pequena achega, mais, gran a gran, facemos unha montaña. Así pois, estamos dispostos a colaborar para divulgar a exposición.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...