Rematou a cuarta edición de A Mariña en Ruta na que participaron 288 persoas nas 16 actividades desenvolvidas entre outubro e decembro. Este proxecto está promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.
Tania Hermida, a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, contou que “o pasado 16 de decembro en Lourenzá remataba a cuarta edición do programa A Mariña en Ruta, cunha visita que foi guiada por Carmen Delia, de La Guiateca en colaboración con Justa Rodríguez, técnico e guía de Turismo en Lourenzá”.
Hermida explicou que “nesta edición do 2023, participaron un total de 288 persoas repartidas nas dezaseis actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca tivo un papel destacado. Foron realizadas entre as fins de semana e festivos de outubro, novembro e tamén decembro, despois de que por mor do mal tempo e dos lumes declarados na ponte do 12 de outubro varias das saídas tivesen que mudar de data. Afianzando o éxito dunha iniciativa xurdida en 2020 e que este ano contou coa colaboración da empresa de turismo activo Volta Montana para a súa coordinación e execución”.
A presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López, subliñou que “tras o éxito de A Mariña en Ruta nos anos 2020, 2021 e 2022 con máis de 700 participantes nas 3 edicións celebradas, o proxecto quixo continuar neste 2023 dando a coñecer a riqueza natural e cultural dos diferentes municipios do xeodestino a través da organización de diferentes visitas e rutas guiadas da man de axentes e guías de turismo locais, onde a artesanía tivo un protagonismo especial. Foi a través dos obradoiros que reciben visitas das Rutas de Artesanía. A continuidade deste programa afianzou a figura destes axentes e guías de turismo locais así como a calidade e diversidade de opcións de ecoturismo existentes na Mariña Lucense fóra da tempada de verán”.
E lembrou que “o programa contou cun espazo de reservas directas na páxina web da Mariña Lucense Turismo amarinalucense.gal e cunha ampla difusión a través de redes sociais e medios de comunicación”.
Fins solidarios
Hermida subliñou que “outra novidade desta edición é que a empresa encargada da organización e xestión do programa, Volta Montana, encargarase de doar os ingresos derivados do custe simbólico das actividades, que foron 962 euros, coa finalidade de contribuír aos obxectivos da sostibilidade e compensar a pegada ecolóxica que poda supoñer este programa a proxectos que contribúan ao equilibrio climático e á Axenda 2030 ou a asociacións sen ánimo de lucro locais que coidan, recuperan e poñen en valor espazos naturais cun ámbito de actuación amplo na Mariña tanto na costa coma no interior coas que se está a falar para tratar de concretar esa colaboración”.
Éxito desta edición 2023
Rocío López indicou que “desde a súa posta en marcha, o programa de visitas de A Mariña en Ruta conta cun elevado grado de aceptación e satisfacción, considerando novamente nesta edición o 100% dos participantes que responderon á enquisa, que o programa debería ter continuidade no tempo, que dinamiza a oferta cultural da Mariña Lucense e que recomendaría a experiencia a outra persoa. A valoración xeral da iniciativa foi de 9,2 (sendo o ano pasado de 9,45) sobre un máximo de dez, as puntuacións medias para as rutas foi de 9 (sendo o ano pasado de 8,67) a do guía ou anfitrión de 9,3 (sendo o ano pasado de 8,93), a organización 9,3 (sendo o ano pasado de 8,81) e a iniciativa en xeral 9,2 (sendo o ano pasado de 9,45)”.
E dixo que “a maioría das persoas que responderon ás enquisas foron mulleres cun 90% de participación fronte ao 10% de homes. A procedencia xeral dos participantes, nesta edición da Mariña en Ruta céntrase sobre todo en Lugo (80.15%) e A Coruña (12.25%)”.
As diferentes actividades abriron as portas aos participantes a coñecer os atractivos da Mariña cunha ollada mais próxima, con propostas tan diversas como: O río Sor e a natureza agochada nos seus meandros, O Vicedo; San Miguel de Reinante: comercio, indianos e fidalgos, Barreiros; Riotorto, terra de ferreiros; Segredos e Lendas en Foz; Trabada, viaxe ao pasado pola Fraga da Becerreira; San Cibrao e o seu mar, Cervo; Ruta dos Fornos e Mina Consuelo, A Pontenova; de Morás a Portocelo, os cantís esculpidos polo mar (Xove); Patrimonio natural e artístico en Lourenzá; Mondoñedo e o seu legado; Alfoz, fortaleza entre a serra e o mar; Obradoiro de cerámica con Regal en Viveiro; Patrimonio indiano e natural de Ourol; Obradoiro de coiro con Raíces Nómadas en Ribadeo; Xeoruta do Perdouro en Burela; e O Valadouro, tradición e historia.
Estas propostas diferenciadoras, diversas e inclusivas, presentáronse como un escaparate ideal para gozar con maior intensidade dos recursos da Mariña Lucense, visitando o noso patrimonio da man de expertos anfitrións, guías locais e experimentados no territorio como Boris Vilar, Carmen Delia de La Guiateca, Sofía López, Noela Feal, Ana Pena de Guía tu día, Fran Canosa, Tirolina das Minas, os ferreiros artesáns Rodil e Jomaca, Otero Regal e Ezequiel Franchi de Raíces Nómadas, poñendo en valor o capital humano especializado que traballa no territorio.
O balance que fai a Mancomunidade da cuarta edición de A Mariña en Ruta é positivo.