InicioCulturaChristian Caruncho: "O cómic é un medio de comunicación para min"

Christian Caruncho: “O cómic é un medio de comunicación para min”

Christian Caruncho é debuxante de cómic a quen lle concederon o premio Castelao de Banda Deseñada. Debuxante desde moi pequeno, contou co apoio de familia e profesores ademais de persoas xa consolidadas dentro do mundo da banda deseñada galega. Pertence a unha xeración de creadores e creadoras que xa consolidaron a creación como un modo de vida en Galicia e como unha vía de realización profesional superando as vellas barreiras dos complexos e as desconfianzas.

Publicada o

- Advertisement -

-Nunha entrevista que che fixeron hai tempo falabas dunha “primavera” de autores e autoras no cómic galego. Que querías dicir con isto?

O da “primavera” de autores e autoras galegas díxeno hai uns anos, é certo. Tratei de falar sobre a xeración de xente nova que entrabamos no mundo do fanzineo, eu mesmo, Xulio Vicente, Xulio Pisón, Uxía Larrosa e outras persoas que tiñamos trinta anos ou vinte e algo. Era un texto sobre todas esas persoas entrando xuntas ademais de compartir espazo con quen xa estaba antes facendo cómic. Tamén eramos persoas con gustos moi diferentes pois había quen tiña influencias do manga, do cómic americano e outros estilos. Eramos moitas voces novas e moi frescas as que comezabamos.

-Como fuches abrindo camiño no mundo da banda deseñada? Apoiáronte desde neno?

Aínda existe ese fenómeno de familias que desconfían de se os seus fillos e fillas terán futuro desenvolvendo un traballo artístico. No meu caso procedo de familia labrega e gandeira e aínda así os meus pais sempre me apoiaron moito porque xa debuxaba desde pequeno, tamén os meus profesores sempre lles aconsellaron aos meus pais que me deixasen debuxar. Por iso digo que meus pais e meu irmán me apoiaron moito. O meu irmán, por exemplo, estudaba en Lugo e cando volvía traíme cómics da cidade e logo eu copiaba os deseños. Despois no instituto comecei a gañar algún concurso e aí foi cando meus pais definitivamente me deron o seu apoio total. Curiosamente, a veciñanza tamén me pregunta sobre cando sairán os novos traballos. Así pois, teño moita xente dándome ánimos e eu estou agradecido.

-Un dos primeiros traballos foi o fanzine Regho Torto. Como naceu e como che axudou profesionalmente?

Con trece anos comezara cos meus primeiros cómics. Levara un ao Salón do Cómic da Coruña e por alí andaban David Rubín ou Manel Cráneo e outros máis. Cando viron o que eu levaba dixéranme: “isto deberas fotocopialo e fas un fanzine”. Era a primeira vez que oía esa palabra e basicamente contáronme que era coller os meus cómics, fotocopialos e crear unha minirevista. Desde ese momento cada ano facía un cómic de oito, dez ou máis páxinas, fotocopiaba e logo ía vendelos a feiras de cómic e tamén de artesanía. As historias deste fanzine estaban ambientadas nunha aldea ficticia que creei, Regho Torto, unha aldea do país con personaxes moi surrealistas. Co paso do tempo fun ambientando todas esas historias de Regho Torto.

-Para ti que é un fanzine e que é un cómic?

O cómic é un medio de comunicación para min, xa o poñas en físico ou en dixital. O fanzine é un formato físico autoeditado. Isto é unha cousa más para teóricos. No meu caso, cando son historias de poucas páxinas e logo as fotocopio e as grampo, para min iso é un fanzine. Logo, un traballo máis grande e elaborado é un cómic.

-Sen spoilers, que é O Día de San Martiño?

É un cómic sobre o que estou traballando agora, deses proxectos que comezas e despois abandonas. Comeceino hai case dez anos cando facía os meus fanzines. O protagonista deste cómic é Salustio de Regho Torto, e comezou sendo unha parodia do filme Patt Garret and Billy The Kid, de Sam Peckinpah. O filme narra a historia de dous amigos que foran bandoleiros os dous mais agora un deles é sheriff do condado. No cómic, Xan, o amigo de Salustio, marchou á vila e volveu á aldea convertido no “sheriff” do Medio Rural. Xan quere impedirlle a Salustio facer a matanza do porco na casa e siga as normas, pagando os impostos e levando ao matadoiro, cousa que Salustio non quere facer. O cómic quedou no caixón e hai uns anos retomeino, reescribino e o que ía ser unha historia moi curta acabou tendo novos personaxes, novas ideas, como poñer unha banda de porcos bravos bandoleiros. Ao final vai ser un traballo de oitenta ou máis páxinas, estará ambientada en Couzadoiro, na miña aldea, e con esta historia quero facer unha defensa do rural, das nosas aldeas, dos gobernos contra a vida tradicional e todo iso con humor e acción porque é un traballo dirixido a un público xuvenil.

-Foiche concedido o Premio Castelao de Banda Deseñada. Como che pode axudar isto na túa carreira profesional?

O premio é un grande apoio para seguir traballando durante meses pois é un bo apoio económico. Á parte ten un prestixio dentro de Galicia importante. Eu tiña como unha das miñas metas este premio. Entregaranme o premio cando xa presente o cómic completo, pois agora estou na recta final de debuxo. Cando xa estea acabado supoño que sairá editado no verán, tamén intentarei non perder o ritmo e poñerme a traballar en novos proxectos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...