-Había antecedentes artísticos na súa familia?
Non, ningún que eu saiba. Meu avó paterno era ferreiro e tratante de gando. O meu avó materno era picapedreiro. Eramos unha familia moi humilde. Aínda hai pouco desde unha asociación do Valadouro pedíronme un artigo sobre as feiras e caín na conta mentres o escribía de que eramos moi pobres, pois só tiñamos tres vacas, dous cochos, doce galiñas, un carro vello e dous arados, un de ferro e outro de madeira. O que eu tiña era unha facilidade para o debuxo e contaba a xente máis vella que unha vez leváronme á Pocesión do Carme de Burela. Entón comeceu a debuxar os barcos con perspectiva cando tiña tres anos. Logo tiven un mestre que debuxaba con cores no encerado e iso a min deixoume coa boca aberta.
-Mais como espertou o seu interese artístico?
Eu sempre estiven internado e estudando grazas a bolsas e en calquera dos sitios onde eu estaba se había que facer un debuxo era eu quen o facía. Cando estiven no Seminario de Mondoñedo, en terceiro curso chegara Juan Puchades, un profesor de debuxo, veu como deseñaba eu e animóume a enviar deseños a concursos por aí por fóra. Durante esa época foi a miña primeira exposición, nas Festas das San Lucas xunto con Vizoso.
-Pasou por outros oficios antes do que exerce agora?
Non, eu fun estudar con bolsa perito agrícola a Barcelona especialista en enoloxía. Alí tiña unha serie de gastos que non me podía cubrir a beca e por iso traballaba as fins de semana. Tamén debuxa cando había que facer calquera deseño e aí tamén comecei a expoñer e participar en concursos. Coñecín xente e mesmo había unha escola mítica, Sant Lluc, onde había modelos en vivo, matriculeime en Belas Artes e así fun coñecendo máis xente. O da cerámica vén dunha exposición de Tapies que fun ver, tamén estiven no seu obradoiro e vin que usaba pó de mármore porque ao pé vivía un home que esculpía lápidas. Tapies mesturaba este pó con cola e facía relevos nos seus cadros. Tamén fun unha vez ver exposición de cerámica dun benedictino no mosteiro de Montserrat, as pezas que expuxo era moi expresionistas. Preguntei onde se podía estudar aquel oficio e acabei apuntándome na escola Massana. Esta escola non daba títulos mais tiña grandes profesores, como o director Artigas, quen fixo cerámica con Picasso. Logo saín número dous da promoción co título de mestre ceramista. Tamén traballei en cerámicas da zona do Bisbal. Fun traballar a Zaragoza cun ceramista a quen lle encargaban murais como un que está na boca de metro da Sagrada Familia en Barcelona.
-Na súa obra vense influencias de culturas non europeas e ademais, obsérvanse trazos parecidos aos dalgún artista. Cales foron as figuras que máis influíron no seu traballo?
Toda a arte contemporánea mais sobre todo Picasso quen pintou pezas e tamén as transformaba, sobre todo pezas da área mediterránea. Tamén podo falar do románico, de influencias da arte dos primeiros habitantes de Australia, dos maorís neozelandeses e, insisto, toda a cultura contemporánea. A arte é como unha cadea, se non a tes, non tes de onde tirar. Eu teño dúas tendencias, a cerámica comercial e logo a artística para facer exposicións.
-O espazo Regal-Xunqueira como e por que nace?
Eu antes tiña o taller na Porta da Vila onde tiñamos que subir o barro até o segundo piso, era un espazo raquítico. Tentei mercar unha casa e cando case tiña todo arranxado botáronse atrás. Durante unha exposición en Santiago coincidira cunha rapaza chamada Ana Serra, que fai coiro, levou premio nacional de artesanía e ademais é de Viveiro. Nunha viaxe con ella a Viveiro expliqueille que quería mercar unha casa grande en Xunqueira, mais parte dos herdeiros estaban en Madrid e os que viven en Viveiro non me querían dar os contactos. Entón Ana dixo que os coñecía e conseguime os contactos. Cheguei a un acordo e merquei esa parte da edificación. Logo merquei o resto despois de negociacións. Non cambiamos nada, o que era a parte de curtiduría agora é museo de cerámica, o muíño de casca é o museo da pel e onde estaban as cuba hai un taller onde traballo e outro taller de invitado. No primeiro andar está o salón de actos, biblioteca e unha sala de exposicións, unha tenda e outros espazos.