As compañías Chévere e Contraproduccións pasarán pola Ribadeo no primeiro trimestre do ano e coa gaiteira Susana Seivane o Concello renderalle homenaxe a Rosalía de Castro.
Así o explicou o concelleiro de cultura ribadense, Farruco Graña, que deu conta da programación cultural trimestral.
CHARLAS
O programa contén dúas charlas divulgativas; o profesor Antonio Gregorio falará da conmemoración dos 18 anos da Galipedia na casa das letras, o vindeiro xoves desde as 20.00 horas.
O sábado, a asociación Dereito a Morrer Dignamente organiza un encontro sobre o testamento vital, desde as 19.30 horas na casa das letras.
MÚSICA
No tocante á música, o día 18 haberá un concerto no teatro co grupo As Cantigas de Elena. O acto comezará ás 21.00 horas, no teatro. Esta fin de semana tamén se celebrará o cuarto curso de música tradicional de Ribadeo, organizado pola asociación Ronqueta.
O concelleiro precisou que o 23 de febreiro, o auditorio Hernán Naval acollerá un concerto de Susana Seivane. A gaiteira debutará en Ribadeo para presentar o seu último traballo, ‘Fa‘.
CINEMA
A programación cultural ribadense tamén reserva un espazo para o cinema, con ‘Nove de novembro‘, de Lázaro Louzao, o primeiro filme rodado en galego sobre unha relación homosexual e ‘Vigo 1972‘, de Roi Cagiao, cinta sobre a folga xeral na cidade olívica.
TEATRO
No tocante ao teatro, Chévere presentará ‘Eroski Paraíso‘ o 3 de febreiro. Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo protagonizan esta comedia documental. O 24 de marzo, Contraproducións S. L. presentará ‘Commedia‘.
DANZA
Tamén haberá un espectáculo de danza, o de Fran Sieira, o 17 de marzo. A biblioteca municipal, finalmente, acollerá a presentación do libro-disco ‘La Comuna del Barruzo‘.