O Concello de Burela anunciou a súa programación cultural para o vindeiro mes de febreiro, na que destacan o concerto do gaiteiro asturiano Bras Rodrigo e o espectáculo familiar Circo Fantasy Show.
Rodrigo, coordinador executivo para Europa do desfile de San Patricio de Nova York, o festival celta máis antigo e meirande do mundo, actuará no auditorio municipal o vindeiro sábado, a partir das 21.00 horas.
O músico presentará o seu segundo traballo discográfico, ‘A pause in New York‘, nun concerto especial, no que estará acompañado da banda local de gaitas da ACM Dambara e do gaiteiro do Carballiño Isidro Vidal.
As entradas para asistir a este concerto están á venda a un prezo de oito euros en www.wegow.com.
O vindeiro domingo, ás 18.00 horas, celebrarase o espectáculo de circo para todos os públicos. Haberá malabaristas, equilibristas, pallasos, artistas que participaron no programa televisivo ‘Tú si que vales‘ e personaxes de Canta y Juega, Pepa Pig, Bob Esponja e Patrulla Canina.
As entradas custan cinco euros e poderanse adquirir en billeteira o mesmo día da función, desde as 16.30 horas.
MONICREQUES O DÍA 23
A axenda que impulsa a concellería de cultura de Burela tamén inclúe sesións de cine infantil os domingos 10 e 17. O 23, estará na vila a compañía de monicreques A Xanela do Maxín con ‘O murmurio do mar‘.