O músico murciano Blas Cantó, ex do grupo Auryn, ofrecerá un concerto acústico dentro da programación das Feiras e Festas das Quendas de Mondoñedo. A actuación será o martes 30 de abril, a partir das 22.00 horas no auditorio Pascual Veiga.
Co grupo Auryn, Cantó acadou desde 2011 todos os récords de ventas en España e tamén gozou de gran éxito en Latinoamérica. Cada concerto e firma de discos de Auryn amosaban cheos absolutos.
Xa en solitario, obtivo discos de Ouro e Platino co seu single, ‘El no soy yo‘, sinxelo que foi número un da lista de Los 40 Principales. A finais do pasado mes de setembro, publicou o álbum de estudio ‘Complicado’, que en tan só unha semana da súa estrea, conseguiu o primeiro posto na lista oficial de ventas de España.
Cantó tamén é popular por resultar gañador da quinta edición do concurso de televisión ‘Tu cara me suena‘.
“IMPULSO TURÍSTICO”
As Quendas celebraranse entre o 29 de abril e o 1 de maio. Dende a Asociación As San Lucas, entidade organizadora, resaltan que “o cabalo será de novo protagonista do día grande, o 1”, aínda que haberá “outras iniciativas culturais e artísticas”. A primeira anunciada, o concerto de Cantó.
O presidente do colectivo, Miguel Souto, considera que este concerto “tamén é un bo medio de promoción da nosa cidade, xa que o turismo é un dos activos de Mondoñedo e así as San Lucas e As Quendas son fundamentais para a nosa economía local”.