O Concello de Cervo conmemorará o venres 22 de febreiro o Día de Rosalía de Castro -que se celebra o domingo 24- cun concerto de Rosa Cedrón.
A entrada ao recital será de balde, até completar aforo, na casa da cultura de San Cibrao. O evento comezará ás 20.30 horas.
A que fora vocalista do grupo Luar na Lubre será a encargada de facerlle unha especial homenaxe á escritora, “unha das miñas grandes paixóns e que sempre está moi presente nos meus concertos”, confesa a cantautora.
Acompañada por un pianista, Cedrón cantará coñecidos poemas da escritora como ‘Negro Caravel‘, tema popularizado por Sabela en Operación Triunfo.
VINTE ANOS DE CARREIRA
A artista monfortina fará un repaso a máis de dúas décadas de carreira profesional, ademais de avanzar composicións que incluirá nun novo disco, sobre o que xa está a traballar.
LECTURA DO MANIFESTO DA AELG
O domingo 24, día do nacemento da poeta no 1837, a Asociación Cultural e Recreativa Fervenza de Sargadelos presentará a obra da novelista de Burela Antía Yáñez.

A escritora mariña presentará as súas obras: ‘O misterio de Portomarín‘, ‘Senlleiras‘ e ‘A Reconquista‘.
Ademais, para pechar o acto, o colectivo anima a todas as persoas que o desexen a particiar da lectura pública e participativa do manifesto feito pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para conmemorar ese día.