Rosa Cedrón e Antía Yáñez protagonizarán o Día de Rosalía en Cervo

A cantautora ofrecerá un concerto gratuíto o venres 24, organizado polo Concello, e Fervenza de Sargadelos presentará o domingo a obra da novelista burelesa

Rosa Cedrón. AXM

O Concello de Cervo conmemorará o venres 22 de febreiro o Día de Rosalía de Castro -que se celebra o domingo 24- cun concerto de Rosa Cedrón.

A entrada ao recital será de balde, até completar aforo, na casa da cultura de San Cibrao. O evento comezará ás 20.30 horas. 

A que fora vocalista do grupo Luar na Lubre será a encargada de facerlle unha especial homenaxe á escritora, “unha das miñas grandes paixóns e que sempre está moi presente nos meus concertos”, confesa a cantautora.

Acompañada por un pianista, Cedrón cantará coñecidos poemas da escritora como ‘Negro Caravel‘, tema popularizado por Sabela en Operación Triunfo.

VINTE ANOS DE CARREIRA

A artista monfortina fará un repaso a máis de dúas décadas de carreira profesional, ademais de avanzar composicións que incluirá nun novo disco, sobre o que xa está a traballar.

LECTURA DO MANIFESTO DA AELG

O domingo 24, día do nacemento da poeta no 1837, a Asociación Cultural  e Recreativa Fervenza de Sargadelos presentará a obra da novelista de Burela Antía Yáñez.

Cartel do evento de Fervenza de Sargadelos. AXM

A escritora mariña presentará as súas obras: ‘O misterio de Portomarín‘, ‘Senlleiras‘ e ‘A Reconquista‘.

Ademais, para pechar o acto, o colectivo anima a todas as persoas que o desexen a particiar da lectura pública e participativa do manifesto feito pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para conmemorar ese día.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here