O partidazo de Vista Alegre entre Betis e Burela FS, a cea-baile de Entroido de Foz ou as Xornadas de Historia Local de Lourenzá protagonizan a axenda cultural e de ocio da fin de semana.
BURELA
O Pescados Rubén Burela FS xógase moito esta fin de semana en Vista Alegre. Recibe ao segundo clasificado, o Betis, ao que aventaxa en tres puntos. O encontro comezará ás 17.00 horas.

CERVO
O sábado, o grupo de teatro infantil de A Adala recreará (19.30 horas, auditorio) a obra ‘Que cousas pasan no camiño‘, pensada para todos os públicos.
FOZ
Durante toda a fin de semana continúa en Foz, como prolongación do San Valentín, a Festa da Cociña Afrodisíaca.
Vinte locais ofrecerán tapas a un prezo de 1,5 euros, elaboradas con produtos como chocolate, ostras, fresas, algas, aguacate ou améndoas. Tamén haberá doces afrodisíacos, que prepararán as pastelerías Amarena, Anduriña e Xoyma, ao mesmo prezo.
Pero a gran cita en Foz é a cea-baile de coroación da Raíña do Entroido focego, na que participarán unhas mil persoas. Será o sábado, na carpa da sala Bahía, a partir das 22.00 horas.
LOURENZÁ
Este venres comeza a terceira edición das Xornadas de Historia Local de Lourenzá. No primeiro día, a partir das 19.00 horas no consistorio, proxectarase o premiado documental ‘Os días afogados‘. Ao seu remate, haberá unha conferencia sobre a lenda do Conde Santo.
Para o sábado, desde as 19.30 horas, queda outro relatorio, desta volta sobre o Catastro da Ensenada, e unha actuación musical. Ademais, poderá verse unha exposición de fotografías antigas.
MONDOÑEDO
A directora Jaione Camborda impartirá o sábado e o domingo en Mondoñedo un taller de iniciación ao cinema documental, para rapazada de entre 14 e 17 anos. Organiza o Concello.
RIBADEO
A atleta paralímpica Desirée Vila, a quen lle amputaron unha perna por unha neglixencia médica, ofrece este venres unha charla en en Ribadeo (20.00 horas, casa do mar).
O domingo (17.30 horas, biblioteca municipal de Ribadeo), presentación do libro disco-infantil ‘La comuna del barruzo‘.
VIVEIRO
Viveiro acollerá o sábado (18.00 horas, teatro) a obra de teatro infantil ‘Frankenstein. No soy un monstruo‘, a cargo de Pata Teatro.
XOVE
O sábado (19.00 horas, centro cívico), o Coro de adultos do Conservatorio de Viveiro ofrecerá un concerto en Xove.