Burela acollerá o vindeiro 30 de marzo unha das dez representacións en España da ópera ‘Carmen’, de Bizet.
A Ópera Nacional de Moldavia incluíu a localidade mariñá na súa xira de primavera, coa que levará este clásico do xénero a cidades como Vigo, Pontevedra, Ourense, Alicante, Murcia, Cuenca, Logroño, Valladolid e Salamanca.
Así, a ópera volve a Burela en primavera, despois da representación de ‘Madame Butterfly’, de Puccini, no pasado outono.
As entradas sairán á venda o 25 de febreiro en ataquilla.com, a prezos que oscilarán entre os 12 e os 18 euros.
“PROGRAMACIÓN DE CALIDADE”
O concelleiro de Cultura, José Díaz, amosouse “orgulloso” de contar coa actuación e explicou que “a resposta da xente do concello e do resto da comarca, que enche o auditorio” fixo doado “convencer” á compañía moldava para volver a Burela, onde xa estivo noutras tres ocasións.
O edil burelés indicou que, máis aló dun evento illado de calidade, o obxectivo do concello é “manter unha liña de programación constante”. Así, adiantou que traballa na posibilidade de “programar ópera non só en inverno, se non tamén en primavera“.
Díaz destacou que, ademais de “fortalecer o acceso á cultura”, estas representacións poñen Burela “no mapa”, atraendo novos visitantes co conseguinte beneficio para o comercio e a hostelería local.