‘Trote‘, película do cineasta de Xove Xacio Baño, levou na noite do sábado cinco premios Mestre Mateo, todo un respaldo para a primeira longametraxe que dirixe o realizador mariñao.
A cinta de Baño acadou o premio á mellor dirección de fotografía para Lucía C. Pan, mellor guión para Xacio e Diego Ameixeiras, mellor interpretación feminina de reparto para Melania Cruz, mellor interpretación masculina de reparto para Federico Pérez e mellor interpretación feminina protagonista para María Vázquez.
‘Trote’ estaba nominada a 15 galardóns na décimo sétima edición da noite do audiovisual galego. “É o premio ao mellor guión con menos palabras dos premios ao guión”, riu o director xovense ao recoller o premio.
‘A SOMBRA DA LEI’, TRIUNFADORA
‘A sombra da lei‘, de Dani de la Torre, foi a gran triunfadora da noite, ao levar dez dos 15 premios Mestre Mateo aos que aspiraba, entre eles á mellor película, mellor dirección e mellor interpretación masculina protagonista para Luís Tosar. O realizador non puido recibir os galardóns, tralo falecemento da súa nai esta semana.