As visitas guidas polo casco vello volverán ser un dos atractivos que ofreza Viveiro durante a Semana Santa.
A Asociación de Comerciantes do Centro Comercial Histórico organiza por noveno ano consecutivo estes paseos polo centro da localidade da man do guía turístico e historiador Suso Martínez, que converteu a actividade nun dos alicientes da programación cultural da localidade nestas datas.
O viveirense, guía turístico oficial de Galicia, presentará os itinerarios e o programa completo das visitas o vindeiro sábado 13 de abril na Praza Maior.
“O obxetivo é dar a coñecer o noso patrimonio cultural e artístico, non só a visitantes, senón tamén aos veciños, para os que a maioría das veces o máis cercano é o máis descoñecido”, explican os comerciantes que contan coa colaboración da Xunta de Cofradías.
Cada día da semana programarase unha visita. Ás 18:00 horas, luns, martes e mércores; ás 12:00 horas, o Xoves Santo; ás 13 horas, o Venres Santo; ás 17:30 horas, o Sábado de Gloria; e, de novo, ás 13:00 horas, o Domingo de Resurreción.
Ademais de ilustrar sobre a historia das rúas e monumentos da cidade, o guía introduce ao público na tradición secular da Semana Santa viveirense.
A personalidade de Martínez, que se define tamén como “actor” e que exerce como guía na Coruña e na Casa da Troya, en Compostela, foi unha das claves do “gran éxito e aceptación” da actividade.
De feito, a asociación de comerciantes chegou a barallar a opción de programalas tamén durante o verán.
OS COMERCIOS ABRIRÁN O XOVES SANTO
Os comercios de Viveiro abrirán o Xoves Santo en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, para aproveitar a “afluencia de xente na vila durante a Semana Santa”. O CCH explicou que foi unha decisión adoptada pola “maioría dos negocios”.