O colectivo viveirense Pensamento e Sementeira anunciou a programación da súa Primavera Cultural 2019.
A primeira das actividades, o 25 de abril, estará organizada en colaboración coa asociación Mariña Patrimonio e consistirá nunha charla do profesor Xosé María Leal Bóveda que dará a coñecer os postos de vixilancia que existiron na ría de Viveiro.
Tamén en abril, o 29, comezarán as actividades do club de lectura que vén de xurdir dentro deste colectivo. A obra escollida para esta ocasión é ‘Charamuscas‘ de Suso Lista. Nesta primeira sesión participará tamén o escritor.
Xa en maio, dentro desta mesma programación, vai ser presentado o proxecto musical e artístico ‘A Comuna do Barruzo‘ pola cantautora de Vilaronte Ugia Pedreira e Abel Pérez.
O colectivo Pensamento e Sementeira concretará nos vindeiros días outras actividades que farán parte desta Primavera Cultural 2019, como unha camiñada polo Rego dos Curuxos, no Viveiró (Muras), ou unha palestra arredor do activismo cultural na Mariña.
150 ANIVERSARIO DE NORIEGA VARELA
Pensamento e Sementeira conmemorará no mes de outubro o 150 aniversario do nacemento do poeta Antonio Noriega Varela (1869-1947).