A actuación de Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, o día 15, é o prato forte da programación cultural do Concello de Burela para o mes de xuño. Os cómicos ofrecerán dúas sesións -unha ás oito da tarde, outra ás 22.30 horas- do espectáculo ‘Somos Criminais‘.
O concelleiro de cultura, José Díaz, resalta que “haberá algo de venta en taquilla, uns 30 tickets”, para o espectáculo que presentarán “dous dos humoristas galegos con máis caché”. O goberno local anunciará nos próximos días a hora á que se porán á venda.
RASTRO SOLIDARIO
O vindeiro domingo haberá rastrillo popular solidario. Os interesados en anotarse poden solicitar unha mesa na casa da xuventude. “Buscaremos combinar a iniciativa con algún tipo de actuación de rúa na propia Praza da Mariña”, explicou o edil.
FESTIVAIS INFANTÍS
O 20 de xuño será a quenda dos festivais infantís de fin de curso. O do Ceip Vista Alegre será pola mañá, ás 10.00 horas, no auditorio. O turno da Anpa do mesmo centro comezará ás 18.30.
TEATRO
Ademais, o venres 22, desde as nove da noite, haberá unha obra de teatro do grupo local O Torques. Ao día seguinte, nunha iniciativa a través de Agadic, Titeresficciós presentará ‘Cantos contos contas‘. O espectáculo comezará ás 18.00 horas, con entrada a tres euros.
O 25, ás oito da tarde, os profesores do Ceip Vista Alegre representarán unha peza teatral. “É algo que nos parece novidoso e que será bo a nivel educativo. Oxalá os nenos se aficionen e podan participar no grupo teatral de Burela O Torques, ao que temos que apoiar”, manifestou o concelleiro.