O dicionario do galego-asturiano toma forma

A Academia da Llingua Asturiana cre que é "un proxecto estratéxico para Asturias"

Xuntanza na sede da Academia de la Llingua Asturiana para a elaboración do dicionario. AXM

O proxecto de elaborar un dicionario oficial e normativo do galego-asturiano empeza a tomar corpo. A iniciativa impulsada pola Fundación Parque Histórico del Navia, coa adhesión dos municipios do Occidente, chegou o pasado luns formalmente á Academia de la Llingua Asturiana (ALLA), que comeza a trazar o camiño a seguir para que cristalice un “proxecto cultural estratéxico para Asturias”, como o define o presidente da institución, Xosé Antón González.

MÍNIMO DE CATRO ANOS DE TRABALLO

Trátase dunha obra moi ambiciosa. O diccionario normativo do asturiano –Diccionariu de la Llingua Asturiana (2000) – levounos dez anos. Calculamos que este diccionario nos ocuparía un mínimo de catro. Sabemos, pola experiencia previa, que tecnicamente podemos asumilo pero necesitamos apoio político e económico por parte da Consejería”, engade.

Optimista con respecto á posible resposta do Principado, o presidente da Academia considera que “se necesitan dous becarios a tempo completo, un mínimo de dous anos” para comezar o traballo de campo. “A Academia fixo un esforzo no momento da entrada na escola da fala, elaborando materiais para nenos de primaria e educación secundaria, e existen tamén vocabularios parciais derivados de teses doutorais que serán documento importantes á hora de elaborar o diccionario normativo”, engade González.

COMITÉ CIENTÍFICO

As académicas Carmen Muñiz, responsable da Secretaría Llingüística del Navia-Eo –departamento encargado de velar e promover o galego-asturiano-, e Ana María Cano, ex presidenta da institución, coordinarán os primeiros esforzos á espera de nomear un comité científico completo “que non será moi amplo, e que estará formado por académicos orixinarios da zona ou cun profundo coñecemento da súa realidade lingüística”, puntualiza González.

FERRAMENTA FUNDAMENTAL

O futuro diccionario oficial e normativo preséntase así como unha ferramenta fundamental no campo literario, moi prolífico malia todas as dificultades que afronta o idioma, sen recoñecemento oficial e cunha protección legal mesmo máis limitada aínda ca do asturiano, e tamén no ámbito educativo e escolar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here