Viveiro acollerá desde o 4 de maio unha mostra sobre o artista viveirense Manuel Bujados

A exposición inclúe bosquexos, poemas ou cartas e fundaméntase no legado que a sobriña do artista entregou ao Museo Provincial en 2016

Ilustración de Bujados. AXM

A sala de exposicións da biblioteca municipal de Viveiro acollerá o sábado 4 de maio a inauguración da exposición ‘Bujados: bosquexos, poemas e documentos‘.

A mostra, organizada pola Deputación, o Museo Provincial de Lugo e o Concello, fundaméntase no legado que María Luísa Blasco Bujados, sobriña do artista, entregou á pinacoteca en 2016.

Inclúe unha colección de apuntamentos, bosquexos e debuxos orixinais de Manuel Bujados (Viveiro, 1889 – Bell Ville, Arxentina, 1954), algúns deles mostra da súa colaboración en diversas publicacións, ademais de cadernos con textos manuscritos e ilustrados polo autor. Completa o legado un conxunto de recortes de prensa, cartas, documentos varios e catro debuxos realizados por outros autores pertencentes ao seu círculo de amizades.

COLECCIÓN INÉDITA

Trátase dunha colección inédita ata agora e de gran importancia para profundar no coñecemento da obra de Bujados, fundamentalmente no seu proceso creativo e na súa dedicación profesional á ilustración, pero tamén para valorar aspectos descoñecidos na súa vida e obra e achegarnos á personalidade deste singular e polifacético artista.

Este legado, xunto coa colección de Bujados que xa posuía o museo -parte dela exposta ao público na súa sala 24-, converten ao Museo Provincial en lugar de referencia para o estudo e goce da obra de Manuel Bujados e na institución con maior número de obras orixinais deste autor, que neste 2019 cumpriría 130 anos.

BIOGRAFÍA

O pintor e debuxante viveirense Arcadio Manuel Bujados Fernández emigrou a América sendo un neno.

Aínda que comezou a súa actividade artística publicando poesía, contos e novelas curtas, a súa gran calidade como debuxante foi descuberta polos críticos do momento e, en 1913, participou na exposición de artistas galegos organizada polo Centro Gallego de Madrid.

Bujados é o principal representante do modernismo sensual e foi comparado co debuxante británico Aubrey Bearsley (ilustrador das obras de Oscar Wilde), con Gustave Moureou, William Blake ou Gustave Klimt.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here