InicioCulturaManolo Maseda: “na Mariña hai potencial para a regueifa, somos os máis...

Manolo Maseda: “na Mariña hai potencial para a regueifa, somos os máis sarcásticos de Galicia”

O músico e docente burelao ofrecerá o sábado, xunto con Lupe Blanco, un obradoiro de improvisación oral en verso no marco da Foliada de Cervo

Publicada o

- Advertisement -

O burelao Manolo Maseda leva un apelido que na Mariña Lucense se asocia a músicos. Membro de Sérra-lhe aí!, Fiandola, Taghaitaí e Os Diplomáticos de Monte Alto, impulsor da Festa da Marosa, fixo da súa paixón a súa profesión e exerce a docencia en Baio. Nos últimos anos coprotagonizou unha tentativa por recuperar a regueifa, a arte tradicional que o vindeiro sábado animará a Foliada de Cervo.

ARTE GLOBAL

P. Que é a regueifa e cando xorde?

R. Trátase dun desafío oral improvisado en verso, que ten varios nomes: regueifa, desafío, repente. Todos aluden ao mesmo, os axustes dialécticos, que xa na Idade Media aparecen como tenzóns.

Sabemos que existen por todo o mundo. Euskadi ten unha gran tradición e esta semana iremos co alumnado a Cataluña a participar nun encontro estatal. En Cabo Verde chámaselles finason, e mesmo os inuit utilizan as xustas dialécticas non cunha intención de desprestixiar ao opoñente, senón de ver quen ten razón sobre un determinado debate.

“hai desafíos orais improvisados por todo o planeta. en cabo verde chámaselles finason e tamén os fan os inuit”

Tamén hai algo de desafío ou de regueifa no rap, que aínda que é un mundo masculinizado e con moito discurso homófobo, tamén ten xente con moito talento, como Arcano. Se vas á orixe do hip hop chegas ao Bronx, porque é unha arte norteamericana, pero seguramente a orixe máis primixenia está nos antergos deses creadores, en África. Queremos que a xente comprenda que a regueifa é parte da improvisación oral do mundo, porque a aldea global é tan limitada como ti queiras que sexa.

A REGUEIFA E AS VODAS

En Galicia, por onde se espallou esta arte?

No meu caso tiven o primeiro contacto serio coa regueifa na comarca de Bergantiños, hai uns 20 anos. Na Mariña Lucense non temos demasiada constancia desta arte de improvisación oral, que si que está ben documentada en zonas como O Courel ou Os Ancares, onde se lles chamaba brindo ou loia.

Nestas zonas de montaña non só tiñan un motivo desafiante senón que tamén se daban nas vodas, que daquela eran acontecementos que ninguén quería perder. O brindo practicábase ante as casas dos contraíntes para louvar á familia, que deixaba pasar e convidaba a tabaco e rosca.

“na montaña, o repente foise facendo cada vez máis nas vodas. louvábase á familia, que convidaba a tabaco e rosca”

Nos anos 80 foi esmorecendo a regueifa como desafío e converteuse nun espectáculo asociado ás vodas, nas que os regueifeiros recibían como agasallo pola súa arte unha boneca. No seu interior agochaba cartos, así que dun xeito máis plástico era unha forma de pagar este servizo.

MATERIA ESCOLAR

Vós introducistes a regueifa no currículo escolar. Que beneficios ten para o alumnado?

Hai catro ou cinco anos, Sechu Sende -un profesor criado en Viveiro– e máis eu comezamos o proxecto educativo Regueifesta, coa intención de utilizar a regueifa como unha ferramenta para traballar por un lado a formación musical e literaria e por outro valores como a intelixencia emocional ou o feminismo, abrir a regueifa para que deixe de ser algo reservado aos homes e ás tabernas. Neste senso, seguramente falar de recuperación sexa un pouco pretencioso, pero si que acadamos un impulso.

“a improvisación oral é xa materia optativa recoñecida pola xunta. potencia a educación en valores e a autoestima”

Introducimos a materia de improvisación oral en verso como materia optativa do centro, aprobada a nivel curricular pola Xunta de Galicia. Esta asignatura ten moitas posibilidades, pois pódese traballar calquera tipo de coñecemento, ao tempo que se exercita o dominio da lingua e da música. Outra cuestión fundamental é a maior autoestima do estudante. Remarcamos o valor da oratoria segundo o concepto norteamericano, pero a regueifa pode facer que unha persoa con problemas de confianza suba a un palco e se exprese diante de centos de persoas.

Ademais, parece que consideramos a improvisación como algo malo, propio de persoas trapalleiras, cando demostra que hai unha capacidade de saír airoso das situacións.

Máis nunha época na que cada vez nos expresamos menos oralmente e máis a través de mensaxes, de dispositivos móbiles e teclados.

Perdemos léxico, por iso a regueifa é sorprendente… Pensa que en Cuba aínda se improvisa en décimas, unha estrutura rítmica que introduciron os españois. Hoxe, mesmo a Joaquín Sabina cústalle escribilas. Cando ves un adolescente nun metro absorto falando por whatsapp con outro rapaz co que podería quedar, pensas que a humanidade quizais non ten futuro, pero cando ves cubanos improvisar en décimas equilíbrase a cousa (risas).

“perdemos léxico, por iso a regueifa sorprende. os cubanos aprenderon a improvisar en décimas dos españois e hoxe a sabina cústalle escribilas”

No obradoiro de Cervo participará tamén Lupe Blanco.

É unha regueifeira que coñecín hai dous ou tres anos. Lembro que a vin regueifar en Borneiro no medio de homes e que os regueifeiros tratábana con recelo, como boxeadores que tivesen postas as luvas de boxeo pero pegasen despaciño. Despois papounos a todos (risas). É un exemplo de cambio social, de que as mulleres vanse facendo oco na regueifa e no seu caso, ademais, sendo unha profesional desta arte.

“REGUEIFAR MAL É ESTAR CALADO”

Como reaccionan os participantes neste tipo de talleres?

A intención primeira é que se divirtan, que saiban que se pode pasar ben coa regueifa. É importante que perdan o medo ao ridículo, é o primeiro que debe facer calquera persoa que queira introducirse nunha arte. Partimos de que o erro non é regueifar mal, senón estar calado. A reacción é moi boa, porque a regueifa, construíla entre un grupo, ten algo que engancha.

Ademais, no norte de Galicia temos que levala sen complexos. En Viveiro, os usuarios do xeriátrico xuntáronse con nenos para presentar un vídeo ao concurso de regueifas, Enreguéifate, e foi unha marabilla. A sorna é unha arma fundamental na regueifa e na Mariña Lucense somos os máis sarcásticos de Galicia.

“queremos que a xente saiba que o pode pasar ben coa regueifa. construíla en grupo ten algo que engancha”

QUINTO ANIVERSARIO

A Foliada de Cervo cumpre cinco anos. Que importancia lle dás a estes eventos?

Pois alédame que haxa unha continuidade en Cervo, que é como unha aldea gala, porque as mellores foliadas que eu vivín na Mariña Lucense foron no pub O Muíño. Ás veces custa que haxa relevo e cando vou á Queimada Popular e vexo a xente de sempre e crianzas e adolescentes que se incorporan á escenificación, é unha marabilla. 

Estas iniciativas son osíxeno nun momento no que se precisa un pulo, que virá seguramente da autoxestión. Non estou para nada en contra das grandes orquestras, pero creo que que o orzamento cultural dalgúns Concellos estea destinado a contratar ás “tres pes” é un erro de concepto, unha mostra de autoodio. Así que reconforta que o tecido social se mova e que se lle dea apoio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...