O Resurrection Fest é un dos dez festivais de verán recoñecidos pola Xunta de Galicia dentro da nova marca FEST Galicia, presentada onte na Cidade da Cultura. O proxecto, que nace a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), apoiará os encontros que busquen “funcionar de xeito profesional” e “promocionar o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social”.
O proxecto, en colaboración coa Asociación de Festivais de Galicia, fixará unha serie de estratexias co obxectivo de facer os certames sustentables e de aumentar o retorno económico dos mesmos nas comarcas que os acollen.
ESTRATEXIAS
Así, realizaranse “estudos de impacto económico, social e mediático dos eventos; redactarase un manual de boas prácticas asociado á posta en marcha dun selo de calidade que recoñeza aqueles festivais que cumpran criterios de excelencia, profesionalidade e sustentabilidade; e elaborarase un plan estratéxico do sector”, asegurou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.
PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival son os dez primeiros festivais na listaxe de FEST Galicia, aberta a novos nomes.
AGRESIÓN OFF
Ademais, a marca vincularase coa campaña ‘Agresión Off‘. Deste xeito establecerase un protocolo de prevención contra a violencia machista neste tipo de eventos. Faranse decálogos informativos, proxectaranse vídeos e disporanse puntos de atención de asesoramento para saber que facer en caso de agresión.